luns 19/04/21

O toque de recoller mantense nas 22 horas

O Goberno español non cedeu á petición case unánime das comunidades autónomas de adiantar a hora ás 20 horas ou mesmo ás 18 horas.
Illa recibido hoxe no Pazo de San Telmo, en Sevilla. (Foto: Jesús Morón)
O presidente andaluz recibe os ministros Salvador Illa e Carolina Darías (Foto: Jesús Morón / Junta de Andalucía)

O Goberno español non cedeu á petición case unánime das comunidades autónomas e non adiantará, de momento, o toque de recoller, que se mantén ás 22 horas. Así o anunciou o ministro de Sanidade e Familias, Salvador Illa, tras o Consello Interterritorial desenvolvido onte no Palacio de San Telmo de Sevilla.

Neste sentido, subliñou que a restrición de mobilidade nocturna podería carrexar unha maior concentración de persoas a outras horas e que este asunto se seguirá estudando nos próximos días. "Estanse tomando xa medidas moi drásticas e as medidas tardan en facer efecto", recordou o ministro.

O Goberno español emprazara as CCAA a debater e chegar a un acordo nesta reunión sobre a petición de reformar o actual estado de alarma para adiantar o horario do toque de recoller ás 20 horas ou mesmo ás 18 horas como pediu algún territorio como Asturias, mais opúxose á formulación de gran parte delas.

En concreto, os conselleiros de Saúde do País Vasco, Andalucía, Asturias, Comunidade Valenciana, Castela-A Mancha, Baleares e Castela e León ─así como o de Galiza, Julio García Comesaña─ pediron neste órgano de traballo o adianto da restrición á mobilidade nocturna, segundo informaron fontes da reunión.

Máis probas que nunca

Illa recoñeceu que os datos que se rexistraron a nivel estatal nas últimas horas non son bos, aínda que admitiu que se están a facer máis probas que nunca. Sobre o plan de vacinación, puntualizou que no Estado hai xa máis dun millón de persoas inoculadas e que son 15.000 as que recibiron as dúas doses. Segundo Illa, o español é un dos principais Estados da UE e do mundo en despregue do plan de vacinación e que o efecto xa se deixa notar nos datos.

"Aquí o tapón son as doses que recibimos, mais eu quero pór en valor o labor de Europa, que está exercendo ben o seu papel; todos queremos máis doses, mais estamos recibindo vacinas e eu quero agradecer o traballo feito nesta materia", dixo.

Tal e como desvelou, as persoas maiores de 80 anos serán o próximo grupo en recibir a vacina da Covid. Así mesmo, Illa deu a coñecer que se fixera unha revenda de vacinas a Andorra facendo un esforzo de solidariedade na liña do que están facendo outro países veciños.

comentarios