Duarte Correa (BNG)

"Todo avance electoral do BNG daralle máis peso político a Galiza en Madrid"

Duarte Correa, candidato número 1 do BNG ao Senado por Pontevedra.

Duarte Correa é ensinante en Cambados. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Duarte Correa é ensinante en Cambados. (Foto: Nós Diario)

—Cales son as expectativas que están a percibir durante a campaña electoral na circunscrición de Pontevedra?
Partimos das expectativas de que o BNG vai ter un incremento moi importante de votos nestes comicios e, polo tanto, non imos impor límites aos resultados e á  Galiza. Todo avance electoral do BNG daralle máis forza a Galiza en Madrid e, malia a idea de que vivimos nun Estado cun alto grao de descentralización, a realidade é que moitas das políticas que afectan a Galiza decídense en Madrid.

É o momento de dar máis forza ao BNG, porque iso significa dar máis forza a Galiza en Madrid, máis forza para defender os intereses das clases populares e máis forza para pór freo ás políticas de recortes que non aforran en incrementar o gasto militar.

Nese sentido, non nos pomos límites no BNG porque as percepcións que nos chegan da cidadanía son moi boas e a xente viu que a única voz da Galiza en Madrid foi a do deputado e candidato ao Congreso por Pontevedra, Néstor Rego.

—A transferencia de competencias leva, practicamente, paralizada desde 2009. Que propoñen nesta materia?
Nesta lexislatura houbo cuestións básicas que o BNG conseguiu mellorar. Desde que o BNG está en Madrid, os galegos e as galegas que usan a AP-9 pagan menos, pero iso non nos chega e, polo tanto, demandamos a transferencia desa vía de pago libre de peaxes.

Hai que incentivar a política de transferencias para ter competencias en cuestións tan importantes como a seguridade viaria ou a seguridade marítima, pero tamén para poder regularizar as condicións de traballo, polo que urxe o traspaso da Inspección de traballo.

—A entrada en vigor da Lei do cambio climático está a provocar preocupación en moitas áreas da costa galega, entre elas na súa comarca, O Salnés. Que van defender vostedes ao respecto?
Este elemento é central para entender a situación de dependencia da Galiza. O que non se entende é que decisións que afectan a nosa costa se estean adoptando a centos de quilómetros de distancia, en Madrid. Ademais, o mar é distinto para os madrileños e os galegos, que non se explican sen el. O BNG sempre defendeu o medio ambiente, por iso rexeita aquelas políticas que pretenden encher o país de muíños, e observa con preocupación que se estean pondo en perigo moitos postos de traballo derivados do mar por unha regulación litoral que non está feita en función das características do país. Hai que lexislar desde Galiza para garantir a continuidade de moitas actividades que levan décadas no litoral.

Comentarios