“Temos probas de que o PP de Riotorto carretou votos de persoas con demencia”

O alcalde do BNG e candidato á reelección, Federico Gutiérrez, denuncia prácticas irregulares dos populares. Feijóo asistiu un mitin este sábado no municipio lucense.


“O PP ten un obxectivo claro de recuperar os concellos da comarca e utiliza os métodos de sempre, pero esta vez chegou moi lonxe. Non pensamos permitilo e chegaremos o final do caso”. O BNG-Asambleas Abertas de Riotorto denunciou hai uns días a candidatura do PP por carretar votos de persoas con demencia senil.

“Temos datos, probas e testemuñas. Incluso de cousas máis graves”, asegura o alcalde da formación nacionalista e candidato á reelección, Federico Gutiérrez. Segundo a denuncia, os cabeza de lista do PP local e outros membros da súa candidatura foron vistos nos últimos días levando persoas anciás enfermas ás oficinas de Correos de concellos próximos para que votaran pola súa formación.

“Non sei se Feijóo avala esas prácticas, pero está claro que non ten intención de facer nada”.

Ningún dirixente do PP se pronunciou sobre a denuncia nos últimos tres días. Este sábado, o presidente dos populares e da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asistiu ao mitin da candidatura en Riotorto.  “Algo pasa para que o PP garde silencio”, afirma Federico Gutiérrez. “Non sei se Feijóo avala esas prácticas, pero está claro que non ten intención de facer nada”.

O caso foi posto en comunicación da Xunta Electoral de zona. A xuíza que recibiu a denuncia deu orde de investigar a Garda Civil. O BNG prepara as probas para entregalas as autoridades. De demostrarse, podería ter consecuencias penais para as persoas implicadas. 

O alcalde deste concello de apenas 1.400 habitantes está convencido de que “o PP busca extinguir por todos los medios este incendio que teñen na comarca cos gobernos do BNG”. Gutiérrez apunta como razóns de fondo as disputas coa Xunta e a importancia destes municipios para conseguir a Deputación de Lugo.

Comentarios