Carme da Silva (BNG)

"Temos dous piares: defender os intereses da Galiza e frear os recortes de dereitos"

Carme da Silva Méndez é a candidata número 1 do BNG ao Congreso por Pontevedra.
Carme da Silva foi deputada no Parlamento e é edila en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Carme da Silva foi deputada no Parlamento e é edila en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)

—O BNG está á alza e mesmo o último CIS dá por asegurado o seu escano no Congreso. Como afronta a campaña electoral?
Nas pasadas xerais tivemos o respaldo da sociedade galega para lograr representación no Congreso, cun traballo extraordinario de Néstor Rego. Neste momento o BNG vén dunhas municipais como a forza política que máis subiu. A sociedade mira para o BNG cada vez máis como a forza que representa o país. Temos que ter ese grupo galego forte para que a Galiza decida, e teña voz.

—Que lectura fai da perda da Deputación de Pontevedra?
As deputacións non se votan directamente, é un sistema pouco democrático e precisa unha revisión porque a representación está desequilibrada. O BNG aumentou a súa representación na Deputación, melloramos os resultados de 2019. A baixada do PSdeG na provincia fixo que o PP recuperara a maioría absoluta, pero o BNG sacou uns magníficos resultados, e iso dános folgos para afrontar este proceso electoral e o seguinte, e conseguir que haxa un cambio na Galiza.

—Esta é unha campaña moi polarizada en esquerda e dereitas, como vai a contrarrestar o BNG este discurso?
É unha campaña deseñada polos poderes políticos e económicos do Estado para preservar o bipartidismo e o centralismo, escorando o electorado á dereita para reforzar unha política de recortes de dereitos sociais e nacionais. Pretenden a ocultación da Galiza, dos nosos problemas e do BNG. Nós facemos campaña a pé de rúa, mobilizando a xente para rachar a barreira sistémica que quere manter o bipartidismo.

—As enquisas dan un posíbel Goberno do Estado de PP e Vox, e xa temos exemplos destes pactos. Cal debe ser o papel do BNG?
O nacionalismo galego ten dous piares: defender os intereses da Galiza por riba de todo e facer de freo a calquera pretensión de recortar dereitos laborais, sociais e democráticos. Traballamos para darlle á Galiza un novo tempo, para construír un futuro mellor. Queremos ser a voz de todas as persoas que queren a este país e queren dereitos e liberdades.

—Que é o primeiro que ten pensado levar a Madrid para que a Galiza teña voz no Congreso?
A rexeneración das rías e do litoral. Madrid está a máis de 600 quilómetros do noso mar, e hai que parar as agresións que teñen as nosas costas cunha rexeneración ambiciosa e con perspectiva de futuro. A 600 quilómetros non entenden que os nosos portos temos que xestionalos desde aquí. Reclamamos as competencias plenas de ordenación e xestión da nosa costa.

Comentarios