O Tribunal Supremo xulgará o exceso de velocidade de Baltar

O presidente do PP de Ourense foi elixido senador por designación autonómica tres meses despois de ser cazado a 215 km/h ao volante

Manuel Baltar no Senado español, nunha foto de arquivo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Manuel Baltar no Senado español, nunha foto de arquivo. (Foto: Nós Diario)

O Xulgado do Penal Número 1 de Zamora acordou inhibirse a favor da Sala Segunda do Tribunal Supremo para o axuizamento por un suposto delito contra a seguridade viaria por exceso de velocidade do ex presidente da Deputación de Ourense e presidente do PP nesa agrupación provincial, Manuel Baltar, tras acreditarse a súa condición de senador.

Segundo informaron esta quinta feira fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Castela e León (TSJCyL), quedou acreditada a condición de aforado de Baltar, quen foi elixido senador por designación autonómica o pasado 28 de xullo, tres meses despois de ser cazado a 215 km/h un domingo ao volante dun coche da Deputación.

O regulamento do Senado recolle que durante o período do seu mandato, "os senadores gozarán de inmunidade e non poderán ser retidos nin detidos salvo en caso de flagrante delito" e non poderán "ser inculpados nin procesados sen a previa autorización do Senado, solicitada a través do correspondente suplicatorio". "Esta autorización será tamén necesaria nos procedementos que estiveren a se instruír contra persoas que, achándose procesadas ou inculpadas, accedan ao cargo de senador", agrega.

O auto do xulgado do Penal número 1 de Zamora explica que "son moitas as resolucións" nas que o Alto Tribunal estabelece a súa competencia para a instrución e axuizamento das causas contra persoas aforadas, "a pesar de adquirir a súa condición de maneira sobrevinda". Así, agrega que resulta "por tanto competente de forma sobrevinda para o enxuizamento do xuízo rápido a sala segunda do Tribunal Supremo".

Penas ás que podería enfrontarse

A inhibición en favor do Supremo prodúcese tras numerosos intentos de xuízo, primeiro no Xulgado da Pobra de Seabra e logo no Xulgado do Penal número 1 de Zamora, onde o político ourensán foi citado para responder por un suposto delito contra a seguridade viaria, na súa modalidade de conducir a velocidade superior á regulamentariamente permitida, tipificado no artigo 379 do Código penal.

Este artigo sinala que quen conducise un vehículo de motor a velocidade superior en 60 quilómetros por hora en vía urbana ou en 80 quilómetros por hora en vía interurbana á permitida, será castigado coa pena de prisión de tres a seis meses, coa de multa de seis a 12 meses ou coa de traballos en beneficio da comunidade de 31 a 90 días. En calquera caso, podería impoñérselle a privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores por tempo superior a un e até catro anos.

Os feitos remóntanse ao domingo 23 de abril, cando Baltar foi interceptado, segundo o informe definitivo da Garda Civil de Tráfico, a 215 km/h na A-52, ao seu paso por Asturianos, ao volante dun coche da Deputación de Ourense.

 

Comentarios