Manuel Baltar pide recuperar a súa praza de funcionario dúas décadas despois

O desde hoxe ex presidente da Deputación de Ourense, cargo no que o substitúe Luís Menor, deixou a función pública para iniciar unha carreira política que previamente o levou á Mesa do Parlamento da Galiza.
José Manuel Baltar presidindo o pleno da Deputación de Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)
photo_camera José Manuel Baltar presidindo o pleno da Deputación de Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)

O que foi o presidente da Deputación de Ourense durante os últimos 11 anos —até esta mesma segunda feira—, José Manuel Baltar, solicitou formalmente na mesma xornada na que o sucedeu no cargo Luís Menor a súa reincorporación ao Corpo Superior de Administración Xeral da Galiza, procurando así voltar á función pública após máis de dúas décadas de carreira política.

Formalizou a petición de reingreso no corpo ao que pertence como funcionario de carreira desde o ano 1993 esta mesma mañá, no día no que se constituíu a nova corporación provincial para o mandato 2023-2027, que terá á fronte o rexedor do Pereiro de Aguiar, Luís Menor, pondo así fin a 33 anos de 'baltarismo'. En todo caso, fica como presidente do PP provincial de Ourense e o seu partido seguirá gobernando a institución.

Manuel Baltar dá este paso logo de decidir non optar a revalidar a presidencia da Deputación tras non recoller tampouco a súa acta como concelleiro no Concello de Esgos, e despois de anunciar que tamén renuncia á presidencia de Paternalia e da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais. A estas institucións europeas Baltar comunicoulles por carta a súa renuncia á Presidencia.

En Paternalia, a rede europea de gobernos provinciais, fora reelixido por unanimidade no pasado mes de outubro nunha xunta en Bruxelas para seguir á fronte durante outros dous anos, mentres que na EHTTA —polas súas siglas en inglés— fora reelixido por unanimidade no pasado mes de maio e até 2026.

Unha vez afastado oficialmente da primeira liña política, Baltar solicitou a súa reincorporación á súa praza como funcionario na Xunta, obtida mediante unha oposición en 1993, antes de deixar a función pública pola política.

Desde ese ano e até 1997 foi xefe do Servizo Técnico-Xurídico da Delegación Provincial en Ourense da daquela Consellaría de Agricultura, Gandaría e Montes —hoxe Medio Rural—. E no seguinte trienio, entre outros cargos, ascendeu a delegado provincial en Ourense da Consellaría.

Entre 2001 e 2012 foi deputado no Parlamento da Galiza, órgano do que chegou a ser, na primeira lexislatura de Alberto Núñez Feixoo como presidente do Goberno galego, vicepresidente primeiro da Mesa. E nese ano substituíu o seu pai, José Luís Baltar, á fronte da Deputación de Ourense.

Comentarios