Rexurdir Podemos non dá por fechado un acordo con Sumar para as eleccións galegas

 O colectivo Rexurdir Podemos aposta por un modelo de concorrencia para as galegas con dinámicas e fórmulas  diferentes as estatais.

O candidato ás primarias de Podemos Galicia, Gonzalo Busqué (Foto: Nós Diario).
photo_camera Gonzalo Busqué, voceiro de Rexurdir Podemos. (Foto: Nós Diario).

Rexurdir Podemos discrepa das valoracións pronunciadas onte polo coordinador da formación na Galiza. Neste sentido, sinala que “as declaracións do mencionado coordinador de Podemos Galiza non se corresponden coa literalidade do documento aprobado”

O colectivo apunta que “Folla de Ruta” aprobada pola dirección “en ningún momento vai dirixido no sentido unívoco que parece desprenderse das devanditas declaracións, o de que as opcións que se barallan son exclusivamente a dunha coalición encamiñada a repetir marcos como os que nos trouxeron até aquí”.

Coalición electoral

A posición expresada polo coordinador da formación morada na Galiza, Borja San Ramón, aposta por unha coalición electoral para as eleccións galegas de Podemos con Esquerda Unida e Sumar.

Gonzalo Busqué, voceiro de Rexurdir Podemos, destaca que a proposta da dirección “a teor do observado nos diferentes encontros que se están realizando para discutir e enriquecer o documento da nova  Folla de Ruta de Podemos, non ten o sentir maioritario da nosa militancia”.

Rexurdir Podemos entende que “as declaracións mencionadas supoñen unha falta de respecto aos tempos que se está dando o noso partido e unha disfunción interesada no mencionado proceso de debate na Galiza marcando un rumbo determinado”.

'Satisfaccións persoais'

O colectivo considera que as posición do coordinador de Podemos na Galiza responden “á obtención de satisfaccións persoais”, nunha clara referencia a Borja San Ramón e ao seu equipo.

Busque indica que “a nosa aposta debe obedecer á necesidade de fortalecer a nosa organización e iso pasa por non repetir esquemas fracasados ou sopas de siglas sen contido militante”.

A proposta de Rexurdir Podemos “pasa por tecer alianzas coa sociedade civil agrupada nos movementos sociais ou nos colectivos de carácter municipalista. Pasa por escoitalos con respecto e convidalos a ser parte activa dos procesos políticos de carácter supramunicipal, de ser, se así o requiren, altofalantes das súas inquietudes e aspiracións lexítimas”.

Comentarios