18-F

Ana de Bande, un sobre de votación e unha chaqueta co logo da Xunta que causan polémica

As redes sociais estalan contra unha publicación da deputada do PP Ana Vázquez visitando a veciñanza de Bande 'porta a porta' para pedir o voto acompañada da alcaldesa do municipio, que vestía unha chaqueta co logo do Goberno galego.
A deputada do PP Ana Vázquez visitando esta sexta feira unha veciña de Bande cun sobre de votación na man.
photo_camera A deputada do PP Ana Vázquez visitando esta sexta feira unha veciña de Bande cun sobre de votación na man.

A campaña electoral deu o disparo de saída na madrugada desta pasada sexta feira e, con ela, as formacións políticas lanzáronse xa a pedir o voto da cidadanía galega de cara ao vindeiro 18 de febreiro. No mesmo día en que comezou oficialmente a campaña a deputada do PP no Congreso Ana Vázquez Blanco apresurouse a empezar a visitar os seus veciños e veciñas de Bande (Baixa Limia), de onde é orixinaria, para pedirlles o voto.

"Primeiro día de 'porta a porta' en Bande. A partir de aquí tamén axudaremos á primeira maioría de Alfonso Rueda. Temos moito en xogo, Galicia non quere os acordos pluripartidistas do Goberno de España; queremos estabilidade, unidade e futuro", dixo, nunha publicación nas súas redes sociais que acompañou de tres fotografías do día.

E unha delas chamou especialmente a atención das usuarias e usuarios de X (antes Twitter), pois na estampa pode apreciarse a Ana de Bande —como é coñecida en redes— entregando propaganda electoral a unha veciña na súa casa canda a alcaldesa do municipio, Sandra Quintas, que porta unha chaqueta promocional do Xacobeo co logo da Xunta da Galiza e sostén na man un sobre de votación —pode lerse 'Eleccións ao Parlamento de Galicia 2024'—.

A publicación de Ana Vázquez desencadeou numerosas reaccións en X, con centos de persoas preguntándose se se trata de "carretaxe" ou se "a Xunta Electoral ten algo que dicir". "O PP no rural, óleo sobre lenzo", ironizaba unha usuaria.

Comentarios