18-F

Sumar "blindará" o 1,5% do orzamento para garantir o acceso universal das persoas con discapacidade

Marta Lois deixará de ser a portavoz de Sumar no Congreso tras o Pleno da próxima terza feira, con Íñigo Errejón entre os nomes que máis soan como posíbel substituto

Marta Lois, esta quinta feira en Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Marta Lois, esta quinta feira en Compostela. (Foto: Nós Diario)

A candidata de Sumar a presidir a Xunta da Galiza, Marta Lois, propuxo destinar o 1,5% do orzamento total do Executivo galego para que, de maneira transversal, tanto na mobilidade, axenda urbana como nos programas públicos, se garanta unha accesibilidade universal das persoas con discapacidade.

Así o declarou ante os medios esta quinta feira antes de reunirse con integrantes da asociación Down Galicia e incidiu na "aposta clara" pola diversidade, a inclusión, máis recursos e ferramentas para "facer efectiva" a incorporación das persoas con algún tipo de discapacidade.

Marta Lois engadiu, entre as propostas da formación de Yolanda Díaz, o impulso dunha normativa en materia educativa que incorpore a perspectiva de que nos centros educativos "teñen que ser sensíbeis" á diversidade e ás persoas que necesitan un apoio. "Imos apostar por unha normativa educativa que permita un acompañamento, un cambio nas cocientes para atender á diversidade", puntualizou Lois.

Cláusulas sociais

No ámbito laboral, buscarán a inclusión de cláusulas sociais nos procesos de contratación pública para facer "un dereito á autonomía e inclusión" das persoas con discapacidade.

No seu programa, continuou, teñen dúas "propostas importantes". Unha delas é a realización dunha nova lei reguladora da autonomía persoal. Ten que haber recursos e mecanismos para que as persoas poidan exercer do dereito da autonomía persoal, afastándonos do modelo máis tutelado de institucionalización residencial", puntualizou. O que buscan, en palabras de Lois, é dar "máis autonomía, participación social e recursos" para as persoas con discapacidade, que teñen dereito á autonomía persoal.

En paralelo ao impulso da lei reguladora de autonomía persoal, buscarán lanzar unha rede de atención para a vida independente. "Non queremos unha Administración pública meramente asistencialista, senón que queremos defender o dereito á autonomía e o acompañamento ás familias e persoas con algún tipo de discapacidade", sentenciou Marta Lois.

Comentarios