18-F

Sumar acouta o seu mal resultado á Galiza: o proxecto é “forte”

Urtasun considera un erro concentrar o “voto progresista” só no BNG

Ernest Urtasun, portavoz de Sumar, esta segunda feira, en Madrid. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
photo_camera Ernest Urtasun, portavoz de Sumar, esta segunda feira, en Madrid. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

Sumar admitiu sen escusas o seu mal resultado nas eleccións galegas, aínda que acoutou ao contexto propio da Galiza e asegura que a súa marca continúa sendo "forte". Tamén rexeitou que o debate sobre a futura Lei de Amnistía influíra no voto destes comicios e considera que a fractura con Podemos tampouco tivo efectos no electorado de esquerdas.

Así o trasladou o portavoz da formación, Ernest Urtasun, en rolda de prensa, para asegurar que Sumar non foxe da súa "responsabilidade" tras unha "mala noite" electoral onde quedou con só un 1,9% do voto dos comicios, situándose como forza extraparlamentaria.

Tamén debullou como conclusión que lles "faltou tempo" para poder despregar en condicións Sumar na Galiza e que non foron capaces de explicar con claridade o 18-F que era importante "expandir" voto progresista ao conxunto das forzas progresistas en lugar de concentralo só no BNG.

As perspectivas en Euskadi "son mellores"

Desde Sumar fontes internas rexeitan que as eleccións galegas faga cambalear o proxecto, dado que están convencidos de que moito do respaldo electoral que obtivo o BNG recuperaríano se se convocasen de novo outras eleccións estatais.

Así, insisten en que non hai factores estatais que pesaran nestas eleccións e que simplemente o PP aguantou mellor na Galiza, onde leva 14 anos de maioría absoluta, do que se pensaba na campaña e que o voto ao BNG tampouco é “suficiente para desbancalo”.

Tamén auguran que as eleccións en Euskadi serán mellores para Sumar, sobre todo porque esa tendencia de concentración de voto a unha forza progresista, como é Bildu, non terá tanta forza. Especialmente dado que neste país a barreira electoral para ter escano é máis baixa, un 3% de voto fronte ao 5% da Galiza, e iso favorece que se reparta apoio electoral entre distintas candidaturas.

Á súa vez, consideran que en Euskadi teñen máis implantación electoral e poden aproveitar que a esquerda estatal alternativa ao PSOE ten un arraigamento territorial e institucional máis asentado.

Comentarios