Somos Quen e Queremos Participar interpretan que a Coordenadora da Marea debe ficar cun reparto de 6-3-2

As candidaturas críticas nas primarias de En Marea aspiran a un reparto proporcional puro dos postos na conformación da Coordenadora Nacional (Executiva) da confluencia.

Votación das primarias de En Marea. Xaneiro de 2017

Quer Somos Quen quer Queremos Participar interpretan que a atribución de postos na Coordenadora Nacional debe realizarse de acordo cun reparto proporcional puro en relación aos resultados obtidos polas distintas candidaturas: 6 prazas para a candidatura encabezada por Luís Villares, 3 para a liderada por Davide Rodríguez e 2 pola que levaba a ex parlamentar Consuelo Martínez como número 1.

Non é seguro que o reparto vaia ser finalmente ese, segundo puido saber Sermos de fontes do Comité Eleitoral que rexeu o proceso de primarias.

O que di o regulamento taxativamente (artigo 5, ponto 5) é: "A Coordenadora Nacional será elixida polo Consello da Mareas tendo en conta a proporcionalidade dos resultados das candidaturas apresentadas ao Consello das Mareas, atendendo a criterios de paridade, eficacia e non remuneración".

O matiz estaría na expresión "tendo en conta", que, ao non ser absolutamente prescritiva, abre certa marxe de discrecionalidade.

A vontade política da candidatura oficial é, segundo soubo Sermos, que a dirección si que ten que reflectir "con certa proporcionalidade" as distintas sensibilidades da confluencia

A vontade política da candidatura oficial é, segundo soubo Sermos, que a dirección si que ten que reflectir "con certa proporcionalidade" as distintas sensibilidades da confluencia. O asunto estaría, pois, en determinar até onde chega esa "certa proporcionalidade".

A aplicación dunha norma de proporcionalidade pura xa levantou certa polémica no seo da organización á hora de realizar a atribución de postos no Consello das Mareas. Os resultados provisorios (21 para Máis Alá, 9 para Somos Quen, 5 para Queremos Participar) foron impugnados pola candidatura nucleada por Cerna por considerar que se producira un "erro aritmético" ao non aplicar a proporcionalidade estrita. O Comité Eleitoral desestimou o recurso -que demandaba un posto máis para QP en detrimento de MA- e elevou a definitivos os resultados provisorios co argumento de que só unha entre catro fórmulas eleitorais coñecidas (a Hare) daba a razón a Queremos Participar, en tanto que as tres restantes (Imperiali, Droop e Hagenbach Bischoff) confirmaban os resultados provisorios.

A escolla da Coordenadora Nacional é unha tarefa que ten pendente o Consello das Mareas, órgao que realizou a súa reunión constitutiva o pasado sábado.

O Consello -máximo órgao da confluencia entre asembleas- voltará a se reunir este próximo domingo, embora non é seguro que vaia ser nesa xunta na que se adopte un acordo definitivo sobre a estrutura da executiva.
 

Comentarios