O Consello das Mareas deixa pendente a constitución da súa executiva

O Consello das Mareas realizou a súa reunión constitutiva este 28X após as primarias da pasada fin de semana. Nun escueto comunicado de imprensa, a confluencia non dá pistas sobre como vai estruturar a dirección executiva.

Consello das Mareas. 28 de xaneiro de 2016
photo_camera Consello das Mareas. 28 de xaneiro de 2016

A reunión constitutiva do Consello das Mareas (21 membros da candidatura oficial, 9 de Somos Quen, 5 da lista nucleada por Cerna) non despexou as principais incógnitas que pairan sobre a confluencia, a saber: como se vai estruturar a dirección (se esta vai ser plural ou monolítica) e que papel terá finalmente Luís Villares (defendido como portavoz único polos críticos, e sen voto na dirección por decisión dos seus compañeiros de viaxe).

O único que fixo o Consello das Mareas foi acordar a criación da Comisión de Garantías (tan polémica na súa organización irmá española, Podemos) e dúas áreas, a de Acción Estratéxica e a de Coordenación do Espazo da Confluencia.

A primeira das áreas devanditas terá un carácter nidiamente político, en tanto que a segunda será a que correspondería a unha secretaría de Organización "cunha división colexiada das responsabilidades entre os membros do Consello", informa a confluencia no comunicado.

E o reparto de responsabilidades? E a escolla da Coordenadora Nacional (a denominación que En Marea dá á súa executiva)? Pois fican adiadas sine die. Primeiro terán de se pór en marcha a comisión de garantías e as áreas criadas hoxe e despois será o Consello o que estabeleza un "calendario" para "concretar a súa liña politica" e o que elixa a executiva.

En definitiva, En Marea gaña tempo para resolver un asunto que non vai ser pacífico en termos políticos, o do encaixe dos sectores críticos na dirección e o rol de Luís Villares. Este mesmo sábado, nunha entrevista en Radio Coruña, Xulio Ferreiro, a cabeza visíbel da Marea Atlántica, voltou a deixar entrever que na súa opinión non debe haber ningún portavoz orgánico único na confluencia. 

O Documento Político oficial, o que gañou as primarias co 58 por cento dos apoios, negaba esa portavocía única a Luís Villares.

Comentarios