"A situación non é boa", di Feixoo ante o avance da pandemia na Galiza

O presidente da Xunta restou importancia á propagación do virus no eido laboral e educativo, e puxo o ollo sobre o ocio universitario. Pese a Núñez Feixoo augurar que a situación "non é boa", a Xunta segue sen pór unha cifra mínima de fondos que a Galiza precisará para a  reconstrución. 
Alberto Núñez Feixoo, após o Consello da Xunta (Foto: Arxina)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, após o Consello da Xunta (Foto: Arxina)

A situación epidemiolóxica da Galiza "non é boa" e, de manterse a mesma tendencia, "haberá un aumento na hospitalización e nos falecementos", advertiu esta quinta feira, 15 de outubro, o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, após a reunión semanal do Consello da Xunta.

Despois de Ourense, a área que máis preocupa ao Executivo galego é a de Santiago e Milladorio, cunha incidencia acumulada superior á media galega. O mandatario afirmou que seguirán observando a evolución da situación e incidiu que "a data de hoxe" non está previsto o confinamento da capital

PassCovid

O presidente da Xunta anunciou que este sábado estará dispoñíbel unha nova aplicación móbil da Xunta: a PassCovid, unha app sen moitas expectativas, pois o propio Feixoo presentouna aludindo en todo momento a que é un instrumento "complementario da app estatal: o Radar Covid.

Feixoo presentou a app da Xunta aludindo a que se trata dun instrumento complementario da aplicación estatal

"A súa descarga é voluntaria e gratuíta e ofrecerá información actualizada dos casos de coronavirus por concellos. Poderanse ademais consultar as restricións ditadas en cada zona e recibirase a través dela todas as alertas que Sanidade vaia aprobando, independentemente do concello galego en que se resida. Cando unha persoa teña unha PCR positiva, poderá coa app mandar unha mensaxe aos seus contactos estreitos.

Ocio nocturno

Desde o 15 de agosto están fechados todos os locais de ocio nocturno no Estado, e a Xunta aprobou un paquete para o sector de 5 millóns de euros, dos que 2,2 millóns se destinarán para axudar a sufragar os custos de alugueiros de locais.

600.000 euros dedicaranse para sufragar proxectos de programación para 2021 que presenten salas de concertos e cafés-concertos que tivesen até a pandemia espectáculos de maneira habitual (mínimo de 15 actuacións nun ano) teñen programacion habitual). Outra parte destinarase a subvencionar empregos no ocio nocturno. 

Electrointensivas

"Saudamos o consenso no Congreso dos Deputados para non desbotar a intervención" do Goberno do Estado sobre a fábrica de Alcoa en San Cibrao (Cervo), dixo o presidente galego, en alusión ao acordo logrado polo deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Néstor Rego, na Cámara Baixa, e que só contou co voto negativo do partido ultraespañolista Vox. 

Coa súa habitual axilidade, Núñez Feixoo desdiciuse de novo da posición mantida por el e polo seu partido, e é que o pasado 11 de setembro, PP -e PSdeG- votaron en contra da proposta de Rego para que o Estado intervise Alcoa no caso de fracasar a negociación para a venda da empresa, tal e como finalmente sucedeu. 

Por outra banda, o Consello da Xunta declarou o sector electrointensivo como esencial e estratéxico para a Galiza. Deste modo, o Goberno galego, segundo anunciou Feixoo, quere enviar ás posíbeis empresas compradoras e investidoras de Alcoa que os trámites e prazos relacionados coas electrointensivas terán prioridade na Administración galega e verán reducidos os seus tempos a 50%. 

Aliás, o mandatario galego lamentou que continuemos "sen estatuto electrointensivo nin un prezo competitivo da electricidade", recriminando o Goberno actual español o que o Executivo de Mariano Raxoi tampouco acometeu. 

Galiza, sen cifra para a reconstrución 

A Xunta enviou esta quinta feira ao Executivo español o borrador dos proxectos que presentará a Pedro Sánchez e que este poderá enviar a Bruxelas dentro do seu plan estatal para captar os 140.000 millóns de fondos europeos para a reconstrución de España. 

Ademais, hoxe a Xunta organiza un foro en Santiago coa participación de máis de 60 corporacións para captar participación empresarial e financiamento para eses proxectos galegos.

Mais preguntado pola prensa sobre a cantidade de financiamento que a Xunta aspira a lograr ou que considera que a Galiza precisa, Feixoo preferiu non responder e limitouse a falar do número de proxectos tractores comunicados ao Estado.

Precisamente a portavoz nacional do BNG e líder da oposición na Galiza, Ana Pontón, reprochaba ao presidente da Xunta que non puxese diante do Estado a cifra que a Galiza precisa para a súa reconstrución porque, segundo aseguraba a nacionalista, non facelo implica máis centralización e marxinación no reparto de fondos para a Galiza. Pola contra, Pontón colocou como exemplo Euskadi, que xa definiu a súa cifra mínima: 13.000 millóns de euros".

Feixoo carga sobre o ocio universitario 

"De non haber cambios" entre o estudantado universitario, a Xunta non desbota reducir nas cidades con campus -especialmente en Santiago- o número máximo de persoas non conviventes que se poden reunir -actualmente está en 10-. "O elemento de risco non son as aulas", senón "o ocio persoal e os pisos universitarios", zanxou Núñez Feixoo.

O presidente pediu aos Concellos que estipulen multas máis contundentes a quen participe en reunións que sobrepasen os límites de persoas estabelecidas e criticou as medidas aprobadas polo Concello de Santiago, tanto no que ten a ver coa contía das multas como que estas dependan de franxas horarias.

E é que desde esta madrugada están en vigor novas sancións en Compostela para festas que poden chegar aos 750 euros ou 1.500, dependendo de cando sucedan. Hai tres tramos: de 22 horas á medianoite, desde as 00 horas até as 3 e, de novo, de 3 a 22 horas. 

Comentarios