JOSÉ RAMÓN GÓMEZ BESTEIRO (PSDEG)

"Esta semana o 'mentirómetro' do PP bota fume, algo que na Galiza xa coñecemos ben"

José Ramón Gómez Besteiro, candidato número 1 do PSdeG ao Congreso por Lugo.
José Ramón Gómez Besteiro foi líder do PSdeG e delegado do Goberno estatal. (Foto: Europa Press)
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro foi líder do PSdeG e delegado do Goberno estatal. (Foto: Europa Press)

—Que se xoga Lugo nas elección deste domingo?
Estamos ante unhas elección históricas, nunca vivín unhas eleccións así. Creo que hai moita xente que comparte que se non gaña o voto de progreso volveremos a unha etapa escura, de retroceso, a cargo do PP e Vox. Preocupa que o PP xa está ‘voxizado’, asume formulacións de ultradereita sen complexos.

—Agora que estamos na recta final da campaña, hai remontada?
Creo que convocar estas eleccións despois dos resultados das municipais serviu para espertar, por dicilo así, unha parte do electorado progresista, para mobilizalo. Eu vexo día a día como si que hai unha maior mobilización. Niso tamén influíu esta última semana do PP coas súas mentiras, mentiras que na Galiza xa coñeciamos, xa sabiamos que Alberto Núñez Feixoo era quen de dicilas sen arroibarse. A xente visualiza a ameaza que pode vir enriba.

Quero trasladar unha mensaxe, desde o respecto, á xente progresista: para que non triunfe a dereita, pido a todos, galeguistas, nacionalistas, xente solidaria, que concentre o voto no Partido Socialista

—Defende que o Goberno español aprobou medidas e políticas que serviron para avanzar. O electorado percibe esas conquistas?
A xente é consciente do que se conseguiu e en que contexto se conseguiu. Hai que lembrar que nestes anos atravesamos crises e dificultades e hai que lembrar como se saían das crises cando gobernaba a dereita: recortes, austeridade, despedimentos... Agora non foi así, apostouse porque desta crise saísemos todos e que non a pagasen os máis desfavorecidos. De aí os ERTES, por exemplo, ou as medidas do escudo social... Quixemos devolver ao Estado un papel de garante de dereitos, de redistribuidor da riqueza e de satisfacer necesidades da xente, quixemos rescatar a importancia do público. Lembremos que na crise bancaria a mensaxe era a contraria, case un sálvese quen poida. E esta semana na que o ‘mentirómetro’ do PP bota fume a xente é máis consciente do que supón a dereita.

—Ve factíbel revalidar os bos resultados que tivo o PSOE en Lugo nas estatais de 2019?
Imos intentalo. Quero trasladar unha mensaxe, desde o respecto, á xente progresista: para que non triunfe a dereita, pido a todos, galeguistas, nacionalistas, xente solidaria, que concentre o voto no Partido Socialista. Non imos defraudar esa confianza, ese voto útil, ese voto de xente que non votara antes o PSOE pero que é consciente do moito que está en xogo o día 23. E pido ese voto útil con todo o respecto.

—O que aconteza o 23-Xs vai ter consecuencias de cara ás eleccións galegas?
Hai que ter en conta varios factores, como cando se convoquen esas elección, que é unha prerrogativa do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidente que non saíu dunhas elección senón da escolla dixital, a dedo, de Núñez Feixoo.

Nas elección locais o voto progresista foi maior que o da dereita. Cando sexan a eleccións galegas teremos que facer unha análise de competitividade, ver onde se poden ter os mellores resultados e como. A esquerda e o centro esquerda podemos facelo ben e conseguir que haxa un bo resultado para a Galiza, após 14 anos do PP, e cambiar as cousas, facéndoo de maneira normalizada  e por formacións que xa demostramos que somos quen de facer unha boa xestión.

Comentarios