O sector crítico suma forzas para tombar Pedro Sánchez antes do Comité Federal do sábado

As manobras xa son á luz do día. Pedro Sánchez está no albo do sector crítico liderado por Susana Díaz e o obxectivo é que a súa renuncia se produza mesmo antes do Comité Federal do sábado. A opción para tombar o secretario xeral sería a demisión da metade máis un dos membros da Executiva.

[Imaxe: PSdeG] Pedro Sánchez en Oroso
photo_camera Pedro Sánchez en Oroso [Imaxe: PSdeG]

Neste momento, segundo fontes do sector crítico consultadas pola SER, o movimento opositor a Sánchez -contrario a que este tente a formación dun goberno alternativo a Rajoy- contaría co apoio de 15 membros no órgao de dirección do partido socialista, un número aínda insuficiente para obter a renuncia de Sánchez.

O secretario xeral tería que abandonar o seu cargo se a metade máis un dos membros da Executiva demiten en masa, segundo prescriben os estatutos. A Executiva ten 36 integrantes. A queda de Sánchez exixe que no mínimo 18 ergan a voz contra el.

En principio, todo indica que Sánchez pode sobreviver a este asalto -porque os seus fieis continúan a ser maioría no órgao executivo- e chegar máis ou menos indemne á cita do Comité Federal do sábado. Nese foro, de 290 membros, as súas opcións de prevalecer non son tan seguras. En todo caso, Sánchez afirmou esta terza feira que unha derrota no máximo órgao do PSOE entre congresos non o levaría a demitir.

Neste momento non hai nengunha posibilidade de consenso no PSOE. A loita fratricida non ten marcha atrás. Os apoios de Sánchez minguan por horas

Neste momento non hai nengunha posibilidade de consenso no PSOE. A loita fratricida non ten marcha atrás. Os apoios de Sánchez minguan por horas. Esta terza feira trascendeu a ambigüidade na que se move un dos seus aliados máis firmes até o de agora, o líder do partido socialista de Euskadi, Patxi López.

O único escenario que manexa o sector crítico é forzar a renuncia do secretario xeral e permitir mediante unha abstención o goberno de Rajoy. Voltouno a explicitar esta cuarta feira o líder histórico do partido Felipe González nunha entrevista radiofónica. A súa tese é que o goberno alternativo a Rajoy é politicamente inviábel por depender do voto das forzas soberanistas, que ir a terceiras eleccións sería un despropósito e que portanto o PSOE non pode continuar a bloquear a formación dun executivo que, aliás, disporía de 170 escanos na Cámara (137 do PP, 32 de Cs e 1 de Coalición Canaria).

De se abrir paso este escenario, é pouco probábel que Sánchez desaparecese do palco. O máis verosímil é que agardase a convocatoria do congreso ordinario do partido para disputar a súa lideranza. A súa xogada admite diversos desenvolvimentos, entre outros o de que, se non gañar agora, unha eventual derrota ante os baróns do partido o coloque en boas condicións para gañar a meio prazo enarborando a bandeira da esquerda e da non colaboración co Partido Popular.

Comentarios