PSdeG respalda a convocatoria do congreso

Sánchez debrúzase sobre o abismo

Ou todo ou nada. Ou todo o poder para o secretario xeral ou a morte política a mans dos baróns. A aposta de Pedro Sánchez xa non ten volta atrás. Ou o Comité Federal aproba este sábado o seu roteiro -novo congreso en decembro, primarias o 23 de outubro- ou o secretario xeral do PSOE se verá abocado a demitir, o que abriría a billa para un goberno Rajoy.

Sánchez e Leiceaga en Lugo (Foto: PSdeG)
photo_camera Sánchez, con Leiceaga [Foto: PSdeG]

Tensión extrema no Partido Socialista. Após os maos resultados na Galiza -coa perda de 4 escanos- e en Euskadi -cuarta forza política-, a ofensiva do sector crítico liderado por Susana Díaz estaba cantada. A presión entre bastidores procurou xa na noite eleitoral do 25S a renuncia de Sánchez como secretario xeral, mais sen que ninguén asumise o custo político de a demandar en público. O líder do PSOE aguantou a presión, acrecentada mais unha vez polo diario El País. O contra-ataque de Sánchez chegou en forma de proposta de convocatoria dun congreso extraordinario para decembro precedida dunhas primarias exprés este mesmo 23 de Outubro.

Sánchez quer facer un Corbyn, isto é, quer o referendo da militancia para así deslexitimar a oposición das federacións críticas, a comezar pola máis importante en poder institucional e en número de militantes, a andaluza, que lidera un bloco opositor a Sánchez en que se sitúan tamén Asturias, Castela A Mancha ou Valéncia. O líder do Partido Laborista viveu unha situación semellante. Co 80 por cento do grupo parlamentar en contra, submeteuse ao refrendo das bases. Aí gañou por un esmagador 62 por cento face Owen Smith, o candidato das elites do partido.

Sánchez quer facer un Corbyn, isto é, quer o referendo da militancia para así deslexitimar a oposición das federacións críticas

O problema para Sánchez é que a súa proposta de convocatoria de congreso ten de pasar primeiro pola peneira do Comité Federal do partido. O máximo órgao do PSOE reunirase este sábado e del fan parte por volta de 300 membros. Non está nada claro que o secretario xeral teña a maioría suficiente para se impor nunha eventual votación. Os críticos sopesan forzas e analisan as posibilidades coas que contan para provocar a queda de Sánchez. O secretario de Organización, César Luena, fiel a Sánchez, ten claro que a maioría respaldará a convocatoria do congreso ("a proposta sairá adiante, [os críticos] non saben contar, non teñen apoios suficientes", veu dicer). Non existe precedente dunha derrota do secretario xeral neste órgao.

Sánchez defende manter o NON a Rajoy até o final e considera lexítimo que o PSOE, con só 85 escanos, tente nuclear unha maioría alternativa. Os críticos, embora non o expliciten, advogan por que o partido socialista preste unha abstención técnica ao PP que permita o desbloqueo do taboleiro político, viabilice a investidura de Rajoy e evite ir a unhas terceiras eleccións. Sánchez discute que unha abstención que indixite Rajoy como presidente poda ser considerada "técnica" e propón un PSOE situado inequivocamente na esquerda e non como un "partido subalterno do PP".

O debate de fondo ten a ver coa loita pola hexemonía no campo da esquerda estatal

O debate de fondo ten a ver coa loita pola hexemonía no campo da esquerda estatal. A equipa de Sánchez xulga que o apoio a Rajoy, embora fose sob a fórmula dunha abstención, convertería Podemos inmediatamente como único referente da oposición de esquerdas e abocaría o PSOE a un proceso de pasokización. Desde Andalucía o que se argumenta, por contra, é que un pacto con Podemos e coas formacións soberanistas catalás afastaría o PSOE das posicións máis tépedas e centristas do eleitorado, o que daría unha vantaxe decisiva ao PP con vistas a futuras contendas eleitorais. Un debate xémeo ao que se está a verificar no seo do Labour Party.

Sánchez xoga co calendario -ao pór as primarias o día 23 apenas dá tempo a que se organice unha candidatura alternativa con opcións de triunfo- e coa evidencia de que a militancia simpatiza coa súa resistencia ás presións dos sectores máis dereitistas e centralistas do partido.

Pilar Cancela, presidenta da xestora do PSdeG, respalda a proposta de ir a un congreso: "É bon que sexa a militancia a que decida"

Neste combate, o aparato da federación galega do PSOE, o PSdeG, está con Sánchez. Esta segunda feira, Pilar Cancela, presidenta da comisión xestora, respaldou a proposta de convocatoria do Congreso: "É bon que sexa a militancia a que decida". Cancela deixou un recado. Após avaliar como maos os resultados do 25S -"a mensaxe non chegou e non fomos a opción maioritaria da esquerda", atribuíu en parte o retroceso socialista ao "ruído" habido durante a campaña. O máis ruidoso do partido foi sen dúbida Abel Caballero, barón vigués aliñado con Susana Díaz e que claramente conspirou contra as opcións de Leiceaga a ter un resultado eleitoral xestionábel.

Comentarios