Sanidade pública

Sanidade xustifica que no verán "non é preciso ter todo disposto" en Primaria e nega o fechamento de camas

"Cando alguén vén de vacacións, non ten para facer un control do neno san en Pediatría, nin vai ao médico de cabeceira", xustifica García Comesaña.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, hoxe no evento 'Reimaxina a ciencia na Galiza'. (Foto: Xunta)
photo_camera O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, hoxe no evento 'Reimaxina a ciencia na Galiza'. (Foto: Xunta)

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xustificou esta terza feira que no verán "non é preciso ter todo disposto" en canto a medios en Atención Primaria, mais si avogou por "reforzar, se é posíbel", a atención urxente nos puntos de atención continuada (PAC). En declaracións aos medios desde a sede administrativa da súa Consellaría en Santiago, onde participou na gala 'Reimaxina a ciencia na Galiza', García Comesaña quixo diferenciar entre as Urxencias e a atención ordinaria en centros de saúde.

Preguntado sobre posíbeis tensións asistenciais que poderían producirse durante o verán en zonas turísticas, o conselleiro afirmou que a demanda en Primaria "afortunadamente" é máis baixa. "Por tanto, non é preciso ter absolutamente todo disposto coma se estivésemos no mes de febreiro", engadiu. A respecto dos PAC, a pesar dos problemas de cobertura de prazas en áreas sanitarias como a de Pontevedra-O Salnés, o conselleiro asegurou que "en ningún caso" se reduce o seu cadro. "Mesmo, se podemos, reforzámolo", dixo a continuación.

"Cando alguén vén de vacacións, non ten para facer un control do neno san en Pediatría, nin vai ao médico de cabeceira", defendeu, para seguidamente suxerir a posibilidade de que os facultativos atendan por teléfono, tamén para cuestións como renovar receitas. Así, García Comesaña insistiu en que a atención nos PAC está "garantida" porque o Sergas fixo "un esforzo importante en todas as áreas" de cara ao verán.

Nega o fechamento de camas que denuncian os profesionais

Neste contexto, o titular da carteira sanitaria da Xunta rexeitou falar de "fechamento" de camas hospitalarias no verán, tal e como denuncian diferentes colectivos sanitarios e mais os sindicatos todos os anos, senón que "o que se fai é adaptar a planificación" dos servizos e os espazos ao verán pola "baixada da demanda".

"As camas non fechan, as camas sempre están dispoñíbeis. O que facemos é adaptar a nosa planificación, por unha parte, a esas necesarias e merecidas vacacións do persoal sanitario, por suposto, e tamén á demanda que temos de servizos sanitarios", alegou. O conselleiro reivindicou a experiencia de "moitos anos" no Sergas con respecto a esta cuestión, o que lles permite "estar tranquilos sabendo que a demanda sanitaria baixa notablemente" no período estival e facela compatíbel coas vacacións dos traballadores.

"Pero sempre está dispoñíbel absolutamente todo para, se for preciso, volver habilitar espazos que, neste momento, poden quedar sen uso", apostilou. Segundo as súas cifras, nalgúns hospitais comarcais a demanda pode descender "incluso por baixo de 50%", aínda que en zonas máis costeiras diminúe en menor intensidade. García Comesaña recoñeceu que o fechamento de camas é "un debate clásico de verán", mais non lembra "nunca" que houbese "ningún problema de ningún hospital que non tivese onde atender os pacientes se a demanda aumentase".

Recentemente, porén, a CIG alertou de que o fechamento da planta de Medicina Interna (con 38 camas) durante xullo, agosto e setembro no Hospital da Mariña anunciado polo Sergas, carece de "calquera xustificación técnica posíbel e que tan só obedece a unha política sanitaria de recortes do Partido Popular que busca o desmantelamento da sanidade pública na nosa comarca".

Comentarios