Borja San Ramón, secretario xeral de Podemos na Galiza

Borja San Ramón é o novo secretario xeral de Podemos na Galiza. A súa candidatura conseguiu 18 de 24 representantes na dirección da formación morada. O seu contrincante, Gonzalo Busqué, púxose á súa disposición após coñecer os resultados.
Borja San Ramón, secretario xeral de Podemos na Galiza. (Foto: Europa Press)
photo_camera Borja San Ramón, novo secretario xeral de Podemos na Galiza. (Foto: Europa Press)

Os prognósticos cumpríronse no proceso de eleccións primarias de Podemos na Galiza. A candidatura á Secretaria Xeral liderada por Borja San Ramón conseguiu un total de 918 votos, fronte a 476 sufraxios logrados polo seu rival no proceso, Gonzalo Busqué. 

San Ramón, número dous da formación nos últimos anos, formalizou a súa proposta após o paso atrás do deputado no Congreso español Antón Gómez-Reino, contando co apoio dos principais responsábeis orgánicos do partido morado na Galiza. 

O proceso de renovación de Podemos, desenvolto entre o 8 e o 14 de decembro, deu tamén a vitoria á lista de San Ramón no Consello Cidadán galego. Así, a súa candidatura sumou 18 de 24 representantes no máximo órgano de dirección da formación. Asemade, acaparou a totalidade dos integrantes da Comisión de Garantías Democráticas.

O Consello Cidadán de Podemos na Galiza pasa a estar formado, atendendo ao número de sufraxios obtidos, por Verónica Hermida, Antón Gómez-Reino, Ximena Cheda, Manuel Nogueira, Gloria Alonso, María Luisa Lores, Isabel Faraldo, Mercedes Martínez, Alfonso Víctor Ferreiro, Andrea Obenza, Marcos Villar, Susana López, Gonzalo Busqué, Amelia Vázquez, Liubomir Dolisnii, Lorena País, Rosario Varela, Román González, Francisco de Asis, Juan Manuel da Silva, Bruno Ramos, Eusebio Ónega, Ana María Guzmán e Natalia Brión.

O triunfo de San Ramón representa unha vitoria para os sectores da organización morada máis próximos á táctica electoral da ministra de Traballo, Yolanda Díaz, e unha derrota para as posicións máis achegadas ao aparato estatal do partido. Neste sentido, a presenza na Galiza do fundador de Podemos, Juan Carlos Monedero, pedindo o voto para a candidatura de Gonzalo Busqué, interpretouse como un apoio do núcleo dirixente da formación á lista crítica con San Ramón.

Valoración de San Ramón

O novo secretario xeral de Podemos na Galiza, Borja San Ramón, non agochou a súa satisfacción polos resultados obtidos e expresou a súa "ilusión polo ciclo político que se abre". Neste sentido, marcouse como obxectivos “pór en valor este novo ciclo político para ter o maior número de candidaturas nas próximas eleccións municipais", ser quen de "aumentar os concellos de esquerda neste país" e "preparar un novo proxecto político con credibilidade para volver ao Parlamento da Galiza”.

Gonzalo Busqué felicitou San Ramón pola súa vitoria, “desexándolle os maiores éxitos na súa xestión”. Considerou “fundamental que todos e todas as persoas que cremos en Podemos como ferramenta do cambio transformador do sistema sigamos unidas e traballando cóbado con cóbado baixo un clima de concordia e respecto” e púxose á “disposición” da candidatura gañadora “para traballar lealmente naquilo que nos demanden”.

Comentarios