Moncloa abre a porta a modificar o delito de malversación

O ministro Bolaños afirma que o Goberno español estudará "ao detalle" unha posíbel reforma deste delito, seguindo os pasos da 'sedición'.
O ministro da Presidencia, Félix Bolaños, comparecerá ante o xuíz en condición de testemuña. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
photo_camera O ministro da Presidencia, Félix Bolaños, no Congreso español. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)

O ministro de Presidencia, Félix Bolaños, asegurou esta segunda feira que o Goberno español estudará ao detalle unha reforma do delito de malversación, polo que tamén se condenou aos principais líderes do procés catalán, se ERC decide presentar no Congreso unha emenda á proposición de lei coa que PSOE e Podemos queren reformar o Código penal para derrogar a sedición.

"Como pasa con calquera emenda, o que se fará será estudala en profundidade", afirmou Bolaños, que negou que ERC propuxese ou estea a negociar xa co PSOE a respecto desta cuestión. "Resúltame difícil opinar sobre nada", sinalou, ao ser preguntado por se non descarta o Goberno modificar tamén de paso a malversación.

Nunha entrevista concedida á Cadena Ser, o ministro incidiu en que a tramitación parlamentaria para reformar o Código Penal está en marcha e quixo puntualizar que, aínda que se vaia a eliminar o delito de sedición, outros como o de rebelión ou o de desobediencia "non se tocaron".

"A chave é que non se tocaron moitos dos delitos que están relacionados cos feitos de 2017", respondeu Bolaños cando se lle preguntou se o líder de ERC, Oriol Junqueras, fixera chegar a Moncloa algunha petición para cambiar a malversación.

Asegurou tamén que a formación independentista "aceptou" separar esta reforma da negociación dos Orzamentos Xerais do Estado e defendeu que a proposta do Goberno estatal é unha "europeización" da sedición, que se tipificará agora baixo o delito de desordes públicas agravadas e terá unha menor pena de cárcere: de 15 a 5 anos.

Para Bolaños, a reforma do Código Penal en ningún caso "debilita" a sentenza do procés, senón que o que fai é "reforzar o Supremo". Aliás, asegurou descoñecer se provocou malestar no tribunal, non sen antes sinalar que os xuíces están para aplicar a lei.

"Non podía ser que tivésemos un delito absolutamente obsoleto, con penas desproporcionadas, e até no Tribunal Constitucional e o propio Tribunal Supremo algúns maxistrados dicían que cumpría reformalo", engadiu.

Comentarios