Rueda nega a responsabilidade da Xunta no retroceso do galego

O presidente da Xunta non considera que a política lingüística desenvolvida ao longo destes 15 anos fracasase malia os estudos e informes —o último, a semana pasada, do IGE— que alertan sobre a importante caída en galegofalantes. "O seu nivel de coñecemento [do galego] é o máis alto da historia", afirma.
Alfonso Rueda durante a comparecencia após o Consello da Xunta que decorreu esta quinta feira. (Foto: Arxina)
Alfonso Rueda durante unha comparecencia após o Consello da Xunta que decorreu esta quinta feira. (Foto: Arxina)

O galego xa non é a lingua máis falada na Galiza, o seu uso retrocede en todas as comarcas e un terzo das persoas entre 5 e 14 anos non saben falar galego. Mais para o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, estes datos —recollidos no estudo publicado polo Instituto Galego de Estatística (IGE) a pasada sexta feira— non son abondo para pór en cuestión a política lingüística desenvolvida desde 2009, ano no que o PP retornou á Xunta da Galiza."Debemos intentar mellorar as cifras [de galegofalantes]", respondeu esta segunda feira, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, á pregunta de Nós Diario sobre se cos datos do IGE na man non consideraba "fracasada" a política lingüística do seu Executivo. Mais, a seguir, defendeu "a liberdade de elección" de lingua e cargou contra as "imposicións monolingüísticas". Rueda dixo que o galego era a lingua cooficial  no Estado "con máis uso" e afirmou que "o seu nivel de coñecemento é o máis alto da historia".

Para o presidente, "o problema non está no ensino" —malia os estudos, como o do Consello de Europa, que lle piden retirar o 'decretazo' que limita o uso da lingua propia no ensino—, senón "no uso social", polo que "hai que promocionalo e estimulalo". Ao igual que fixera o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, días antes, Rueda tamén achacou á chegada de poboación do exterior un dos factores do predominio do castelán na Galiza. 

Se ben o titular da Xunta afirmou que, de se partir dunha vontade de "consenso", non hai  "liñas vermellas" para falar de que facer en políticas lingüísticas, enfatizou que si hai unha "liña vermella: a da imposición do monolingüismo". O que deixou sen responder Rueda foi outra pregunta deste medio sobre se non consideraba que, á vista dos resultados das súas políticas lingüísticas, deberían cesarse os seus responsábeis.

Rescate de autovías

O Consello da Xunta aprobou esta segunda o rescate, a través dun investimento de 297 millóns de euros, das autovías do Salnés, Barbanza, Ourense-Celanova e Santiago-Brión, o que permitirá "un aforro anual ás contas autonómicas de 30 millóns de euros polo importe que se abonaba ás concesionarias destas infraestruturas en concepto de peaxe na sombra", indicou Rueda. A do Salnés (AG-41), posta en servizo en 2008 con concesión até 2035, será rescatada por 45 millóns; a do Barbanza (AG-11), que tiña concesión até 2036, por 72 millóns;  polo rescate da de Ourense-Celanova (AG-31) páganse 85 millóns —a concesión era até 2040—, e a de Santiago-Brión (AG-56), con concesión até 2035, é rescatada por 95 millóns.

En outubro de 2023, o Consello de Contas reprendeu a Xunta polas citadas 'peaxes na sombra' das autovías, apuntando a través dun informe que se poderían alcanzar "resultados equivalentes a un menor custo" na construción e explotación de autovías.  En 2024 a Xunta aumentou a 85 millóns a partida de 'peaxes na sombra' a pagar a estas concesionarias.

Comentarios