18-F

Rueda estima en 18 millóns o custo da proposta para a gratuidade das primeiras matrículas universitarias

O líder do PP na Galiza insistiu no seu compromiso electoral de que o sistema educativo galego sexa "accesíbel, universal e gratuíto, desde o principio até o final".
Encontro de representantes do PP cos tres reitores, hoxe. (Foto: Europa Press)
photo_camera Encontro de representantes do PP cos tres reitores, hoxe. (Foto: Europa Press)

O líder do PP e candidato á reelección como presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, estima que a proposta de gratuidade das primeiras matrículas dos graos universitarios galegos custará ás arcas autonómicas arredor de 18 millóns de euros. De feito, suporá un aforro medio duns 3.000 euros por alumno e alumna. Así o avanzou nunha comparecencia ante os medios antes de reunirse, na Cidade da Cultura de Santiago, cos tres reitores das universidades públicas: Antonio López (Santiago), Manuel Reigosa (Vigo) e Ricardo Cao (A Coruña).

Ao encontro tamén acudiu o consellerio de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, quen vai de número 4 na lista do PP por Pontevedra para as eleccións galegas do 18 de febreiro; así como o director xeral de Universidades da Xunta, José Alberto Díez de Castro. Rueda explicou que será unha medida universal, "para todos os alumnos de todos os cursos", que non estará vinculada á renda das familias porque está concibido como un servizo público "fundamental", igual que outros como a sanidade.

Esta gratuidade nas primeiras matrículas que promete o PP de cara ao 18-F aplicarase a partir do curso que arrinca en setembro e suporá un investimento que roldará os 18 millóns de euros. O aforro medio por estudante, no caso de que vaia aprobando todas as materias do grao con normalidade, será duns 3.000 euros.

Neste contexto, o candidato popular confirmou que se fará a través dun mecanismo de compensación, é dicir, unha achega orzamentaria "a maiores" do plan financeiro plurianual para que non sexan as universidades as que teñan que soportar este gasto.

Un sistema "universal e gratuíto"

O líder do PP na Galiza insistiu no seu compromiso electoral de que o sistema educativo galego sexa "accesíbel, universal e gratuíto, desde o principio até o final". Isto, engadiu, "xa é unha realidade" en Educación Infantil, coa gratuidade das escolas de 0 a 3 anos na Galiza implantada desde o ano 2022.

Estas medidas, singularmente a que se aplicaría nas universidades, supón "un esforzo importante" para o Goberno galego pero que se pode facer "grazas a ter os orzamentos aprobados" e tras anos de "boa xestión económica", tal e como reivindicou Rueda. Antes de reunirse cos tres reitores, o candidato popular quixo resaltar o "labor fundamental" que fan as institucións que dirixen e prometeu que, desde a Xunta, seguirá traballando nesa "colaboración estreita" que manteñen.

Comentarios