18-F

O PP promete agora a gratuidade das matrículas universitarias após oporse reiteradamente cando o propuxeron BNG e PSdeG

Este novo anuncio do PP ás portas da campaña electoral contrasta significativamente coa postura adoptada no pasado a respecto da gratuidade das matrículas universitarias, que os populares consideraron en máis dunha ocasión "inxusta" por supor o pagamento das taxas "a quen non o necesita".

Exames da selectividade na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. (Foto: Arxina)
photo_camera Exames da selectividade na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. (Foto: Arxina)

A secretaria xeral do PP na Galiza, Paula Prado, deu esta cuarta feira por feito que a gratuidade das primeiras matrículas da universidade comprometida polo presidente da Xunta e candidato popular á reelección, Alfonso Rueda, comezaría a aplicarse o vindeiro curso se o actual mandatario lograse manterse no poder após as eleccións do 18 de febreiro. Así se pronunciou tras o anuncio realizado na pasada xornada por Rueda, que Prado definiu como "unha medida importantísima" para garantir "a accesibilidade aos estudos superiores".

Por outra parte, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, concedeu esta cuarta feira unha entrevista á Cadena SER na que avogou por "buscar un mecanismo de compensación", a maiores do plan de financiamento plurianual que hai agora mesmo en vigor para as universidades públicas galegas, para que a gratuidade das primeiras matrículas non afecte nas súas contas.

"É obvio que uno dos principios básicos desta formulación que se acaba de facer é que as universidades non vexan minguados os seus ingresos", explicou Rodríguez, quen insistiu en que "en ningún caso" esta proposta impactará nas finanzas das institucións académicas.

O conselleiro, que figura no número catro da lista dos populares por Pontevedra ao Parlamento da Galiza, reivindicou que será "unha medida pioneira no conxunto de España" e que permitirá que o acceso ao sistema universitario galego sexa "en equidade e en igualdade de oportunidades".

Cambio radical de postura

Este novo anuncio do PP ás portas da campaña electoral contrasta significativamente coa postura adoptada no pasado a respecto da gratuidade das matrículas universitarias, que os populares consideraron en máis dunha ocasión "inxusta" por supor o pagamento das taxas "a quen non o necesita".

E con base neste argumento opuxéronse ás diferentes iniciativas rexistradas por BNG e PSdeG tanto na presente como en lexislaturas pasadas, que só contaron co apoio, precisamente, das forzas da oposición. De feito, o Bloque volveu propolo no seu plan de medidas 'anticrise' do pasado marzo, e ambas as formacións levábano nos seus respectivos programas electorais en 2020.

Comentarios