Rueda di "entender" os 'baróns' do PP que pactan con Vox "en aras de garantir a estabilidade"

O líder galego di estar "tranquilo" porque o seu partido ten "liñas vermellas que se van respectar si ou si" ao pactar cos de Abascal

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, esta quinta feira. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, esta quinta feira. (Foto: Xunta da Galiza)

O presidente da Xunta e do PP da Galiza, Alfonso Rueda, dixo "entender" a outros 'baróns' territoriais populares que teñen que pactar con Vox "en aras de garantir a estabilidade" dos seus Gobernos, xa sexa "con eles" dentro ou "sen eles".

A preguntas dos medios tras a reunión semanal do Executivo autonómico, Rueda avalou estes acordos se serven "para conformar Gobernos", pero confesou que lle alegra "moito" non estar "nesa tesitura" porque o PP galego xa é "capaz de aglutinar un amplo espectro" ideolóxico.

De feito, lembrou que nas pasadas eleccións locais do 28 de maio, Vox só obtivo unha concelleira en todo o país "de varios miles posíbeis", concretamente no municipio de Avión (comarca do Ribeiro).

Neste contexto, dixo "poder entender" os pactos coa formación de Santiago Abascal noutras comunidades e concellos tras os pasados comicios.

"Négome a que nos metan nese marco onde o PP non pode falar con partidos que non lle gustan a outros que si poden pactar con quen queira", engadiu, na liña dos argumentos esgrimidos en días pasados polo presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo.

Así mesmo, preguntado sobre as manifestacións de dirixentes populares a favor de loitar por máis dereitos do colectivo LGTBI mentres o seu partido pacta con Vox, Rueda manifestou a súa "tranquilidade" porque con "calquera pacto que faga con calquera forza política", hai "liñas vermellas que se van a respectar si ou si". "Déixame moi tranquilo", aseverou.

Comentarios