O PP rexeita a iniciativa do PSdeG para desenvolver a Lei LGTB+

Noelia Otero critica a parálise da norma de 2014.
A socialista Noelia Otero esta cuarta feira no Parlamento da Galiza. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A socialista Noelia Otero esta cuarta feira no Parlamento da Galiza. (Foto: Nós Diario)

O 'non' do grupo popular tombou esta cuarta feira no Parlamento galego unha iniciativa do PSdeG, apoiada polo BNG, que pedía á Xunta desenvolver a Lei Galega de non discriminación ao colectivo LGTBI do ano 2014 e dotar de máis fondos as asociacións que traballan neste campo. O PP propuxera unha emenda, que non foi aceptada, pois non contemplaba un aumento das contías ás entidades LGTB+.

Durante o debate, a deputada socialista Noelia Otero recriminou aos populares que deixasen "en papel mollado" a norma de 2014 e os seus compromisos na materia, á vez que criticou os seus pactos con Vox en comunidades e concellos, que supoñen "un paso atrás".

A parlamentaria urxiu o Goberno galego a dotar esta lei do orzamento "que precisa para o seu desenvolvemento" e habilitar a súa actualización, unha lei "de mínimos" que leva nove  anos "sen cumprir en materia de formación e sensibilización, educación, cultura ou en materia laboral". Reclamou ao PP que "estean á altura" da defensa da igualdade e os dereitos civís e humanos "sen equidistancias e con responsabilidade".

Comentarios