28-M

Rueda desprázase até Culleredo para apoiar Izaskun García

No seu primeiro aniversario á fronte do Goberno galego, defendeu que “cando as cousas están ben feitas, todo funciona”

Rueda, esta mañá no acto do Partido Popular en Culleredo (Foto: PPdeG).
photo_camera Rueda, esta mañá no acto do Partido Popular en Culleredo (Foto: PPdeG).

Continúa a xira electoral do presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, que hoxe celebra o seu primeiro ano á fronte do Goberno Galego.

O líder do PPdeG chegou a Culleredo para expresar o seu apoio á candidata Izaskun García, onde reivindicou que “as cousas que se fan ben non hai por que cambialas”.

Rueda considera que a candidata popular “tivo catro anos para bregarse na oposición, polo que merece unha nova oportunidade para presentarse con todo o que aprendeu. “Agora si que está preparada para ser alcaldesa”, apostilou.

Ademais, tamén fixo referencia ás candidatas de Oleiros e Cambre.

Sobre a primeira, Loli Silva, dixo que “ten o cariño dos que a coñecen porque é boa persoa, o que é moito máis importante que ser bo político, e aínda que se presenta nun concello non sinxelo, hai que soñar”.

Con respecto á segunda, Diana Piñeiro, apuntou que “asume o reto de dar a cara e arriscalo todo por conseguir convencer aos seus veciños de que podemos volver a ter a oportundiade que xa tivemos.

A todas elas e a todos os 313 candidatos do PPdeG, Alfonso Rueda pediulles que durante estes días de campaña “sigan traballando con humildade para que alá onde se goberna a xente teña novas razóns para seguir confiando e, no resto, explicando por que somos merecedores desa confianza”.

“Non se trata de ir contra ninguén nin perder o tempo falando do que non se fixo. Trátase de convencer á xente do que podemos facer”, concluíu

Comentarios