Alfonso Rueda defende que Altri reciba 250 millóns de euros públicos

O presidente critica que exixan á Altri máis trámites que a outras fábricas.
17-03-2025 Consello da Xunta-25
Alfonso Rueda, esta segund afeira, após o Consello da Xunta. (Foto: Arxina)

O presidente galego, Alfonso Rueda, afirmou esta segunda feira en resposta a unha pregunta de Nós Diario que a Xunta da Galiza non contempla un "financiamento específico" para o proxecto de Altri na Ulloa. Mais, apuntou, é ao Executivo estatal ao que calquera empresa que aspire a lograr o financiamento con eses fondos debe dirixirse. Altri pretende acceder a 250 millóns de euros, por volta de 25% do investimento total.

"Se nós tivésemos eses fondos, tomariamos esa decisión, mais como non os temos, non podemos facelo", aseverou Rueda. O presidente criticou esta segunda feira que desde o Goberno estatal se pidan certos "trámites" ao proxecto de Altri para a concesión de axudas que, indica, non se solicita a outras iniciativas no resto do Estado español. Rueda, así, se ben indica que non haberá liña de financiamento galego para Altri posiciónase a favor de que o Estado si abra a billa dos fondos públicos para este proxecto.

Ante a súa apelación a respectar o traballo do persoal técnico que asina os informes que sosteñen a declaración de impacto ambiental (DIA) favorábel e se el respectará tamén se os funcionarios da Administración estatal determinan que Altri non ten dereito a financiamento, Rueda remarcou que el o único que exixe é "o mesmo trato" para a Galiza que para outras comunidades autónomas.

O presidente fixo estas afirmacións na súa comparecencia ante a prensa após a reunión semanal do Goberno galego. 

Automoción

Na reunión desta segunda feira do Executivo  deuse o visto e prace ao Plan director da automoción 2025-2027, que estará dotado de 230 millóns de euros para impulsar un sector "que está a vivir a súa propia revolución industrial coa chegada do vehículo eléctrico", indicou Rueda. Desprégase en torno a dous obxectivos estratéxicos, cinco eixes e sete ámbitos de prioridades con 67 medidas que se desenvolverán até 2027 de apoio ao sector da automoción por parte das consellarías da Xunta. 

Avais compra de vivenda

O Goberno galego tamén aprobou dúas liñas de avais para a compra de vivenda, das cales unha estará dirixida a persoas menores de 36 anos e outra destinada á compra de vivenda protexida sen límite de idade. Para poder obter un destes avais será condición imprescindíbel que a hipoteca para a cal se solicita supoña entre 80% e 100% do importe de adquisición da vivenda, e as contías que pague a persoa beneficiaria deberán destinarse exclusivamente ao pagamento desta débeda hipotecaria. O importe de adquisición dunha vivenda libre non poderá superar as seguintes contías: 260.000 euros na Coruña, Compostela, Vigo, Pontevedra e Ourense; 210.000 euros en Lugo e Ferrol ou concellos de tamaño medio e carácter periurbano, e 180.000 euros no resto de municipios.

Comentarios