Rueda defende o protocolo antiabortista de Castela e León

A proposta promovida polo partido de extrema dereita Vox en Castela e León de obrigar as médicas e médicos a ofrecer escoitar o latexo fetal a mulleres que queiran abortar chega agora ao Parlamento da Galiza. BNG e PSdeG cuestionan a postura de Alfonso Rueda que, no día de onte, aliñouse co goberno de Castela e León de PP e Vox ao dicir que a medida "respecta os dereitos das mulleres e dos sanitarios".
Alfonso Rueda esta segunda feira en Narón (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza).
photo_camera Alfonso Rueda esta segunda feira en Narón (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza).

A medida promovida por Vox en Castela e León de obrigar médicos a ofrecer escoitar o latexo fetal a mulleres que queiran abortar, algo que contravén a reforma da Lei do aborto impulsada polo Goberno estatal, seguiu onte no albo da polémica. Onte, o presidente castelán-leonés Alfonso Fernández Mañueco (PP) dixo que non se obrigará os médicos a ofrecer escoitar o latexo fetal ou ecografías 4D ás mulleres que embarazadas que onte mesmo volveu anunciar o vicepresidente Gallardo (Vox). 

Preguntado Alfonso Rueda onte ao respecto do protocolo castelán, o presidente galego sinalou que, ao seu xuízo, a medida "respecta os dereitos das mulleres e dos profesionais sanitarios". Para alén diso, manifestou que "descoñece en profundidade" o debate aberto sobre as novidades no protocolo para mulleres que queiran abortar "O que manifestou dúas veces esta fin de semana o presidente de Castela e León é que a medida está dentro da normativa e que respecta tanto os dereitos das mulleres como dos sanitarios, como non podía ser doutra maneira", aseverou Rueda. 

O debate chega á Cámara galega

Os partidos da oposición no Parlamento da Galiza (BNG e PSdeG) tamén se pronunciaron ao respecto. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lembrou que unha situación así "xa a viviu” a Galiza cando Alberto Núñez Feixoo accedeu á Xunta, xa que, rememorou, "unha das súas primeiras decisións foi pór en marcha un apoio público para unha rede antiabortista", en referencia á iniciativa lexislativa popular impulsada pola asociación antiabortista Red Madre e que foi aprobada apenas un ano despois de que o PP recuperase a maioría absoluta na Cámara galega.

Pola súa parte, Luís Álvarez, portavoz do PSdeG no Parlamento galego, anunciou que preguntará a Rueda se ten intención de trasladar algunha idea similar á Galiza e se vai "garantir o exercicio do dereito á interrupción de embarazos".

Avanzouno Álvarez nunha rolda de prensa na cal tamén trasladou que se rexistrarán iniciativas parlamentarias para abordar este debate e baixo a advertencia de que o líder dos populares, Alberto Núñez Feixoo, "avala absolutamente a estratexia" e xa votou no Senado en contra de modificar o Código Penal para "castigar" o "acoso" ás mulleres que queren abortar.

Segundo datos do Ministerio de Sanidade referidos a 2020, Galiza contabilizou 2.490 abortos, 13,2% menos que en 2019, cando esta cifra foi de 2.868. Das 2.490, un total de 2.285 interrupcións realizáronse en centros extrahospitalarios e, delas, 1.868 en centros privados.

"Un 'choio' para Sánchez"

A nivel estatal, o portavoz do comité de campaña do PP, Borja Sémper, saíu en defensa do presidente de Castela e León, dicindo que foi "rotundo e contundente explicando e resolvendo" a polémica. Aliás, aproveitou para cargar contra Vox, un partido que, segundo manifestou, é un "auténtico choio" para Pedro Sánchez.

Comentarios