Castela e León obrigará a ofrecer ás mulleres que queiran abortar escoitar o latexo fetal

Juan García-Gallardo, de Vox, afirma que se trata de "escoller entre a decisión natural e propia" de seguir co embarazo e a "traxedia social" do aborto.
O vicepresidente da Xunta de Castela e León, Juan García-Gallardo, de Vox. (Foto: Europa Press)
photo_camera O vicepresidente da Xunta de Castela e León, Juan García-Gallardo, de Vox. (Foto: Europa Press)

A Xunta de Castela e León implantará novas medidas para tentar reducir o número de abortos, ou "provida", como as denomina a extrema dereita, co obxectivo de "fomentar a natalidade" na comunidade. Así o anunciou esta quinta feira o seu vicepresidente, Juan García-Gallardo, de Vox, quen apuntou que se trata dun acordo "negociado e consensuado" coa Consellaría de Sanidade no marco do pacto de goberno asinado por PP e Vox.

Así, as novas medidas que se aprobaron por instrución do conselleiro, Alejandro Vázquez, e que esta quinta feira foron comunicadas ao Consello de Goberno, serán de oferta obrigada para o profesional sanitario, o cal "deberá dicirlle á muller que ten tres posibilidades": escoitar o latexo fetal, ver a ecografía do feto en 4D ou recibir atención psicosocial.

Con todo, a decisión final, como é lóxico, recaerá sobre a propia muller: "Non a vai obrigar a escoitar o latexo do seu bebé se non quere", dixo García-Gallardo. A través deste paquete de medidas "garantirase a atención psicosocial" a todas as nais "que así o requiran" a través dun psicólogo do servizo público de saúde, unha atención que será voluntaria para as mulleres pero "imperativa para os profesionais", que deberán ofrecer tanto esta como o resto de medidas adoptadas pola Administración autonómica.

O obxectivo é que as mulleres que queiran abortar "teñan todo o apoio para afrontar o embarazo nas mellores circunstancias e sentan que están acompañadas". A ollos do dirixente extremista, trátase de "escoller entre a decisión natural e propia" de seguir co embarazo e a "traxedia social" do aborto, a cal, afirmou, deixa "unha pegada nas mulleres" e implica "un drama".

A Xunta de Castela e León brindará a asistencia psicolóxica que precise a embarazada na esfera emocional, perante o acceso á atención por un psicólogo clínico, para o que se estabelecerá un procedemento de derivación desde Atención Primaria aos equipos de saúde mental para a atención preferente das persoas que o requiran.

"Se estas medidas son útiles para que un só neno afectado non sexa abortado, compensará calquera contrapartida negativa de estar nun Goberno", dixo, en relación a unhas medidas que entrarán en vigor "inmediatamente".

No que atinxe ao "dereito fundamental á obxección de conciencia dos profesionais", Castela e León velará, apuntou o seu vicepresidente, por que se "respecte" e mandar a "mensaxe clara" de que "non se estabelecerán listas negras" de obxectores, logo de acusar o Goberno español de "pretender implantalas" con algunhas das súas medidas anunciadas.

Comentarios