Rueda cancela toda a axenda da Xunta após coñecerse o preacordo de investidura de Sánchez co BNG

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, cancelou toda a súa axenda e a do conxunto do Executivo galego que estaba prevista para esta sexta feira.
O presidente Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta de hoxe. (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta de hoxe. (Foto: Arxina)

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, cancelou toda a súa axenda e a do conxunto do Executivo galego que estaba prevista para esta sexta feira.

Segundo se puido coñecer, esta decisión susténtase en que os membros da Xunta da Galiza, con Rueda á cabeza, debatirán acerca da investidura de Pedro Sánchez após transcender o preacordo que o PSOE alcanzou co BNG.

Este precaordo e os seus puntos será ratificado esta sexta feira pola Executiva do BNG.

Esta estratexia do PP galego segue a que está marcar o PP estatal de criticar todos os acordos que Sánchez alcanza con diferentes forzas políticas como BNG ou ERC.

Feixoo convoca os seus

O líder do PP estatal, Alberto Núñez Feixoo, convocou os seus portavoces parlamentarios no Congreso, Senado e Parlamento Europeo para analizar a "resposta institucional e política" á posíbel investidura de Sánchez.

En concreto, Feixoo convocou no seu despacho a secretaria xeral e portavoz do Grupo Popular no Congreso, Cuca Gamarra; o portavoz dos 'populares' no Senado, Javier Arenas, e a portavoz na Eurocámara, Dolors Montserrat.

Ao longo desta sexta feira, Feixoo, anuncian os populares, seguirá falando cos representantes do PP en cada territorio do Estado para "coordinar as accións que sexan pertinentes" engadiron as mesmas fontes.

O acordo con ERC

Esta quinta feira produciuse o rexistro no Congreso do Proxecto de lei de amnistía ás e aos independentistas represaliados pola súa participación no proceso de autodeterminación en Catalunya, algo que fica pendente da decisión final de Junts, que como moi cedo se producirá a sexta feira, xusto o día no que o PSOE aspiraba a presentar a norma no lexislativo.

O acordo específico de ERC co PSOE inclúe unha das reivindicacións chave do soberanismo catalán nas últimas décadas, o traspaso íntegro de Rodalies, o servizo de trens de proximidade en Catalunya.

Aínda que a competencia da súa xestión pasou a Barcelona en 2010 canda a dos servizos de media distancia, a estatal Renfe continuou como operadora do servizo, cuxa infraestrutura pertence a Adif. Deste xeito, Catalunya faise co control dunha rede ferroviaria de 1.119 km con 200 estacións, e que usa 71% da poboación catalá.

Máis en POLÍTICA
Comentarios