23-X

Rueda e Baltar suman forzas no Pereiro de Aguiar para que "España deixe de ser sanchista"

"Sánchez debería estar agradecido por non ter que debater cinco veces máis con Feixoo", dixo o presidente do PP na Galiza e da Xunta.
Alfonso Rueda e Manuel Baltar citáronse esta terza feira, canda outros dirixentes do PP, no Pereiro de Aguiar. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Alfonso Rueda e Manuel Baltar citáronse esta terza feira, canda outros dirixentes do PP, no Pereiro de Aguiar. (Foto: Nós Diario)

O presidente do PP na Galiza e o aínda líder do partido en Ourense, Alfonso Rueda e Manuel Baltar, participaron esta terza feira nun acto de campaña no Pereiro de Aguiar (comarca de Ourense), onde chamaron a "acabar co sanchismo". Rueda pediu un "apoio masivo" a Alberto Núñez Feixoo o 23-X para facelo presidente "por quinta vez". Baltar, pola súa parte, afirmou que Feixoo é un "plus para Ourense" e que por iso gañará na circunscrición.

A "boa xestión" do PP na Xunta da que se gabou Rueda exemplificouna no "liderado da Galiza na matriculación das escolas infantís, conseguido grazas a ser a única comunidade que ofrece a gratuidade". Unha medida que, asegurou, porá en marcha Feixoo no caso de chegar á Moncloa.

Sobre o debate desta segunda feira, dixo: "Sánchez debería estar agradecido por non ter que debater cinco veces máis con Feixoo". Tamén salientou ao respecto a "errónea estratexia de quen pensou inxenuamente que a hiperactividade de Sánchez nos platós podería compensar a súa ausencia na rúa e dobregar as décadas de experiencia na xestión do público".

Pola súa parte, Baltar defendeu que "España merece un cambio de ciclo, abandonar o desgoberno e recuperar a senda da xestión". "Porque sempre que gobernou o PP, foi recuperando as crises, os problemas e de falta de credibilidade xerados previamente polo PSOE. E esta é unha ocasión máis", reiterou.

Aliás, a cabeza de lista ao Congreso por Ourense, Ana Vázquez, subliñou que "cada día de campaña pálpanse as ganas de cambio da xente" e que "o que se ve e se escoita nas rúas da provincia de Ourense é o anticipo da gran vitoria do PP o vindeiro 23 de xullo".

Finalmente, o alcalde do Pereiro e candidato ao Senado, Luís Menor, remarcou que "para o PSOE a provincia de Ourense nunca foi unha prioridade" e que a proba "está no Pereiro de Aguiar": "Cuestións estratéxicas para o desenvolvemento deste concello e de toda a área metropolitana, como o saneamento do Barbaña e o Loña, a potenciación dos nosos polígonos industriais ou a mellora das infraestruturas viarias foron quedando sempre no caixón dos proxectos pendentes do Goberno central", dixo.

Comentarios