28-M

Rueda apoia en Monforte a candidata Katy Varela: "Temos moito que dicir"

"Monforte ten moitísimo que dicir e moitísimo que liderar e, co PP e con Katy Varela, imos aproveitar esta oportunidade", afirmou o presidente do PP na Galiza.
Katy Varela e Alfonso Rueda, en Monforte. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Katy Varela e Alfonso Rueda, en Monforte. (Foto: Nós Diario)

O presidente do Partido Popular na Galiza, Alfonso Rueda, asegurou esta terza feira que Monforte de Lemos ten "moito que dicir e moitísimo que liderar" e sostivo que coa súa candidata á Alcaldía, Katy Varela, os 'populares' aproveitarán "a oportunidade".

Rueda participou en Monforte nunha comida con empresarios e representantes do tecido económico local organizada polo PP xunto á aspirante á Alcaldía, a quen agradeceu o "gran traballo" feito ao longo deste tempo. Nunha charla cos presentes, o líder dos 'populares' galegos puxo en valor o proxecto da candidata da súa formación nesta vila na medida na que "ofrece renovación e proxectos ambiciosos para favorecer a transformación económica, industrial e social" de Monforte.

Un dos proxectos que se suman aos investimentos xa materializados por parte do Goberno galego, dixo, no hospital comarcal e na mellora das instalacións culturais e educativas, así como na activación en Monforte do primeiro polo de emprendemento da circunscrición de Lugo o pasado novembro para facilitar a atracción de empresas e de traballadores, e que a día de hoxe xa asesora a case 30 proxectos empresariais.

En chave electoral, sostivo que o 28 de maio será o momento de expresar nas urnas o cansazo e as ganas de cambio que ten a xente de Monforte e de moitos outros concellos galegos. "Monforte ten moitísimo que dicir e moitísimo que liderar e, co PP e con Katy Varela, imos aproveitar esta oportunidade", salientou.

Aproveitando a presenza do vicepresidente provincial do PP de Lugo, Francisco Conde, o líder dos 'populares' galegos reclamou ao Executivo estatal a mellora da xestión do fondos euros de forma que se garanta que o diñeiro fundamental para proxectos punteiros na Galiza "chegue dunha vez por todas" e "non siga embalsado nos caixóns do Goberno de Sánchez".

Pola súa parte, Katy Varela destacou o apoio do sector empresarial como punto fundamental no seu programa: "Sen empresarios e sen emprendedores que arriscan para sacar adiante un proxecto non habería riqueza nin tanta creación de emprego".

Neste senso, a alcaldábel propuxo a unión de diferentes sectores para ter un tecido empresarial forte que permita relanzar á cidade economicamente e o asentamento da poboación. Dous obxectivos que marcou como "prioritarios" no seu proxecto.

Comentarios