18-F

Rueda anuncia 100 prazas nunha nova residencia xuvenil

O candidato do Partido Popular reuniuse con mozas e mozos en Moraña (comarca de Caldas)
Alfonso Rueda, esta sexta feira, nun acto de mocidade do Partido Popular. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Alfonso Rueda, esta sexta feira, nun acto de mocidade do Partido Popular. (Foto: Nós Diario)

Alfonso Rueda, candidato do PP á Presidencia da Xunta da Galiza, comprometeuse esta sexta feira en Moraña (comarca de Caldas) coa mocidade galega a construír unha nova residencia xuvenil galega "alá onde a demanda de prazas sexa maior", así como a crear ses novos "Espazos Xoves" nas cidades da Coruña, Compostela, Ferrol, Lugo, Pontevedra e Vigo, que se sumarían ao existente en Ourense.

Coa primeira medida, segundo explicou Rueda, incrementaríase o número de prazas en residencias galegas de maneira que "un cento máis de estudantes universitarias e de Formación Profesional poderían ter na próxima lexislatura hospedaxe e comida a tarifas económicas".

A Consellaría de Política Social e Xuventude xestiona, a día de hoxe, só tres instalacións que durante o curso escolar funcionan como residencias xuvenís: o Centro Residencial Xuvenil "LUG" de Lugo, a Residencia Florentino López Cuevillas de Ourense e a Residencia Altamar de Vigo. A convocatoria para o curso 2023/24 ofreceu só 224 prazas para as tres urbes.

Ante medio cento de mozas e mozos, Alfonso Rueda reivindicou "o orgullo" de que a Galiza estea "no bo camiño" no que se refire, entre outros aspectos, ao "incremento do número de mozas e mozas menores de 30 anos que atopan traballo".

A Galicia que funciona

'A Galicia que funciona' será o lema de campaña co que Alfonso Rueda opte a volver presidir a Xunta da Galiza. Disto informou esta sexta feira a secretaria xeral e directora de campaña da formación popular, Paula Prado, que afirmou que o PP aspira a "seguir facendo as cousas ao modo de Galiza e estando sempre onde hai que estar: ao lado dos galegos e galegas".

Comentarios