Rueda admite "cousas mellorábeis" durante a contratación na Covid mais oponse a que no Parlamento se investiguen os contratos

O presidente da Xunta  da Galiza recoñece que nos contratos de emerxencia durante a pandemia da Covid houbo "cousas simplemente mellorábeis" mais négase a que o Parlamento galego investigue, tal e como demanda a oposición, eses contratos. Un proceso de contratación no que o Consello de Contas ve "falta de concorrencia e de publicidade" e Alfonso Rueda, porén, só ve aí "advertencias menores".
Alfonso Rueda, presidente da Xunta da Galiza, esta quinta feira no Consello da Xunta. (Foto: Arxina)
photo_camera Alfonso Rueda, presidente da Xunta da Galiza (Foto: Arxina)

O novo informe do Consello de Contas de fiscalización dos contratos de emerxencias da Xunta durante a pandemia da Covid apunta a dúas principais adxudicatarias neste proceso. A primeira, Universal Support (11,7 millóns de euros), unha empresa propiedade da multinacional Konecta, grupo do que era directivo un irmán da parella de Alberto Núñez Feixoo, presidente do Goberno galego naquela altura.  A segunda, MAPE Asesores (10 millóns), que mercou parte do material a unha empresa catalá, FCS, que tiña como intermediario á parella de Ayuso, —que cobrou 2 millóns pola intermediación—.

Nós Diario preguntou ao presidente pola súa valoración do informe e se agora vía motivos para unha comisión de investigación no Parlamento galego sobre estes contratos, tal e como demanda a oposición. "Houbo cousas simplemente mellorábeis", respondeu Rueda, que admite que o informe fai "advertencias" sobre os contratos na pandemia mais son "advertencias menores". "Tomamos nota", apunta, mais desbota unha comisión de investigación. "Absoluta tranquilidade", acrecentou, para a seguir acusar aos que propoñen esa comisión de "non ter a mínima crítica" nas "tramas millonarias" do caso Koldo. 

Rueda, iso si,afirmou que se o Congreso o chama para explicar os contratos na pandemia cumprirá coa "obriga legal" de asistir.

725 millóns de défict por non aprobar os OXE

Na comparencia desta quinta feira após o Consello da Xunta, Rueda estivo acompañado do conselleiro de Facenda, Miguel Corgos. A Xunta cifrou en 725 millóns de euros o déficit que provoca nas contas galegas a falta de actualización das entregas a conta por parte do Goberno estatal coa súa renuncia a aprobar orzamentos xerais do Estado (OXE).

Cambios no Goberno

Alfonso Rueda asegurou, a preguntas da prensa, que estuda "todo tipo de cambios" na estrutura do Goberno galego como, segundo indicou, "é normal cando se produce unha nova etapa".

Explicou o presidente en funcións que deu "moitas voltas" á composición do seu novo Executivo co criterio de que "sexa o máis eficaz posíbel".

Vacina intranasal

Tamén anunciou o titular en funcións da Xunta que o Sergas administrará a partir de setembro a vacina intranasal contra a gripe aos nenos de entre 2 e 5 anos. 

O máximo mandatario galego explicou que a Xunta destinará 550.000 euros a este programa co obxectivo de adquirir 30.000 dose desta vacina.

Zonas tensionadas

Após informar de que o Consello aprobou iniciar a construcion de 400 vivendas de promoción pública, Rueda volveu a cargar contra a Lei de Vivenda estatal, que "non solucionará" o problema do aluguer.

Comentarios