Roberto Carrero (PP) devolve case 3.800 euros cobrados "por erro" por asistir a plenos da Deputación de Pontevedra

"Non houbo en ningún caso mala fe", insistiu o deputado e alcalde da Guarda.
Roberto Carrero, alcalde da Guarda e deputado provincial en Pontevedra. (Foto: Xan Carballa)
photo_camera Roberto Carrero, alcalde da Guarda e deputado provincial en Pontevedra. (Foto: Xan Carballa)

O deputado provincial e alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero (PP), pediu esta cuarta feira "desculpas públicas" polos case 3.800 euros cobrados "por erro" pola súa asistencia a plenos da Deputación de Pontevedra, asegurando que xa transferiu á Administración este diñeiro. Nun audio difundido aos medios de comunicación, Carrero lamentou este "erro administrativo" do cal nin os servizos internos da Deputación nin el mesmo se decataron até esta semana.

"Non houbo en ningún caso mala fe", insistiu. Segundo explicou, esta contía correspóndese ás dietas cobradas pola súa asistencia a plenos e comisións entre setembro e novembro, as cales non lles corresponden ao contar cunha dedicación exclusiva parcial de 79%.

Por iso, transferiu de volta os case 3.800 euros e pediu desculpas por este "erro". O que é tamén rexedor da Guarda, no Baixo Miño, anunciou que se porá ao dispor das forzas da oposición un informe realizado polos técnicos da Deputación no que se detalla o ocorrido.

Foi precisamente o Partido Socialista o que solicitou explicacións polo 'sobresoldo' cobrado por Roberto Carrero, denunciando que percibira case 5.000 euros en retribucións "irregulares" na Deputación nos últimos tres meses.

"Reclamamos responsabilidades políticas inmediatas e xa veremos se tamén xudiciais, tanto de quen cobrou como de quen pagou, que é o deputado de Persoal e alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña", criticou o portavoz provincial socialista, Carlos Font.

Carrero percibe máis de 54.400 euros brutos ao ano polo seu posto na Deputación, polo que non ten dereito á cobranza de complementos por asistir a plenos e comisións, precisou Font esta cuarta feira.

Comentarios