Entrevista

Roberto Carrero (PP), alcalde da Guarda: "Farase un ferry novo para comunicarnos con Portugal, pero antes hai que dragar o Miño"

Despois de sucesivos gobernos encabezados por rexedores do PSdeG, o PP, que levaba dezaseis anos sen a Alcaldía da Guarda, volve ostentala co avogado Roberto Álvarez Carrero (A Guarda, 1973). Carrero, que exerceu como crego entre os anos 1998 e 2009, era concelleiro desde 2015. Os resultados municipais (PP 8, BNG 5, PSdeG 3 e ESCO 1), permitíronlle lograr un acordo de lexislatura co concelleiro de ESCO, Celso J. Rodríguez, que en 2019 concorrera pola formación Converxencia Galega.
Roberto Carrero, alcalde da Guarda. (Foto: Xan Carballa)
photo_camera Roberto Carrero, alcalde da Guarda. (Foto: Xan Carballa)

—Como son as relacións políticas coas outras forzas, porque o PP levaba dezaseis anos fóra da Alcaldía e agora ten un acordo con ESCO para completar a maioría?
Son correctas. Eles cumpren o seu papel de fiscalización e control do goberno. E como dixen na investidura estou aberto a todas as propostas.

—Houbo queixas de falta de transparencia pola supresión dos plenos abertos e transmitidos en streaming.
Foi un asunto puntual. A lei de réxime local estabelece que os plenos son públicos pero a retransmisión decidírase durante a pandemia. Agora, mentres non haxa orzamentos, suspendeuse, pero volverase facer aínda que non é unha prioridade para nós. Todo o mundo ten abertas as portas dos plenos na Casa do Concello. Coido que é unha formulación da oposición para achacarnos falta de transparencia, pero entendo que é unha acusación ridícula.

—Teñen xa orzamentos?
Estámolos preparando pero xurdiu un atraso por un problema puntual na Intervención e Tesouraría por un concurso dos funcionarios. Non será un problema para aprobalos en tempo.

—Cal é a situación económica do concello?
Non é boa. Estamos facendo unha serie de auditorías e daremos conta aos medios e á cidadanía do estado real da facenda.

—Pero vostede xa o criticara en campaña, con que bases?
Coa evidencia de facturas impagadas e que non había crédito nin partidas para asumilas.

—Entón pode ter superávit?
Pode ter as contas saneadas e temos que conseguir máis recadación.

—Entre os anos 90 e hoxe a demografía do concello apenas se modificou en cantidade pero si envelleceu.
É moi estábel en número, estamos sempre sobre as 10.000 persoas censadas. Pero certamente o aumento de persoas de idade avanzada preme sobre o gasto en servizos sociais, a cada vez máis desbordados, tendo que atender máis familias necesitadas… pero ese é un problema global de toda Galiza.

Estamos traballando para conveniar algúns servizos con Oia e O Rosal

—Os concellos quéixanse de que teñen que asumir, nesa e noutras materias diferentes, traballos que non lle corresponden e que non se lle compensan economicamente.
Temos competencias propias, impropias e delegadas. Por desgraza todos estamos exercendo actividades que non son de xestión municipal pero que os diferentes gobernos autonómicos e centrais fóronnos derivando. Esa á realidade.

 —E mancomunar esforzos con outros concellos, non sería unha saída para aforrar custos?
Sería, e tamén para conseguir maior eficacia. Estamos traballando para conveniar algúns servizos con Oia e O Rosal, e abertos a outros concellos que quixesen sumarse. Penso sobre todo no lixo, ou na depuración de augas, porque actualmente O Rosal xa usa a nosa depuradora.

—Vénme á cabeza Xoán Noia, o vello republicano da Guarda, que falando con el un verán con seca reivindicaba construír as casas con alxibes para os momentos de escaseza.
O problema da auga e o cambio climático é común a todo o planeta e débenos preocupar tamén aos concellos. A Guarda ten sete pozos de captación subterránea, e estamos buscando outro punto de captación. Tamén contamos, ocasionalmente, cun pequeno subministro desde Tui, pero moi limitado. O problema témolo no verán ou cando as secas son moi prolongadas.

—Chama a atención, porque están situados no esteiro do Miño.
En Tui captan auga do río pero nós aquí non.

—A economía da Guarda segue sendo moi dependente do mar ou propoñen outros horizontes?
Nós creemos que o sector marítimo-pesqueiro é moi importante pero está diminuíndo o seu peso. Temos varias agrupacións empresariais que canalizan gran parte da actividade económica, pero nestas dúas últimas décadas o sector foi perdendo chance e optouse por potenciar o sector turístico, sobre todo estival, aínda que desde o rexurdimento do Camiño Portugués a Santiago pola Costa estamos conseguindo a desestacionalización dese fluxo de visitantes.

—A reivindicación sobre mellorar as prestacións e dotación no Centro de Saúde véñense repetindo desde hai meses.
Como concello temos un problema grave de deslocalización, porque para chegar aos hospitais de Vigo estamos nos 50-60 minutos en boas condicións. Para paliar esa dificultade conseguimos a concesión dun centro integral de saúde, que terá servizos que non obriguen sempre a acudir ao hospital. Daquela nós como Concello temos que conseguir terreos adecuados e a Xunta ten o compromiso de construílo e dotalo.

—E entretanto se constrúe? Porque hai momentos de demanda máis críticos...
Hai picos nos que hai saturación e desbordamento, e así nolo traslada o persoal sanitario, sobre todo no verán. A sanidade preocúpanos a todos e merecémonos uns servizos acordes a un concello de 10.000 habitantes, por iso falamos dun centro integral de saúde.

Nalgúns puntos en determinadas situacións de mareas, o calado apenas chega aos 40 cm, co cal as comunicacións non poden ser fluídas mentres non se resolva

—Sendo un concello limítrofe con Portugal teñen un problema de comunicacións, porque o transbordador está fechado de continuo. Como está a situación e como cre que debería estar?
Actualmente son deputado provincial, responsábel de comunicación transfronteiriza, e con ese nomeamento teño a responsabilidade de director da Agrupación Europea de Cooperación río Miño. Estamos traballando para que a conexión efectiva A Guarda-Caminha sexa unha realidade. Hai un estudo pormenorizado sobre que alternativa é a mellor. A ponte desaconsellouse polos custos desbordados e imos optar por un ferry-boat superior ao de Santa Rita de Casia, actualmente parado.

Suporía un custo de 9 millóns de euros, sería máis eficiente e tería que procurar o acordo dos gobernos español e portugués para levalo adiante, pois debe ser unha iniciativa pública e que funcione durante todo o ano. Mais para sacalo adiante temos outro problema grande, especialmente no esteiro do Miño que constatamos os diferentes alcaldes da beira do río: a necesidade de drenaxe que van moitos anos sen se realizar. Nalgúns puntos en determinadas situacións de mareas, o calado apenas chega aos 40 cm, co cal as comunicacións non poden ser fluídas mentres non se resolva.

E para facelo hai moitos aspectos a valorar, tanto de eficiencia como medio ambientais. Este é un problema que atinxe todos os concellos da raia, desde A Guarda até Crecente, e por exemplo o alcalde de Arbo explicou que eles teñen xa problemas económicos polas dificultades de remonte da lamprea por esa situación do río Miño.

—Portugal ten vontade tamén nese proxecto?
Tena e nós estamos traballando con Caminha para conseguir unha eurocidade de maneira que non só haxa contacto cultural e comercial, senón a través dunha conexión permanente de tránsito de persoas e a posibilidade de circular directamente a Portugal, cara a Viana, Porto ou Lisboa.

—O problema tamén o ten A Guarda coa estrada cara a Tui.
A nova estrada cara a Tui estase realizando pola Xunta como unha vía de alta capacidade (VAC), ten uns prazos de execución aínda que a todos nos gustaría que fosen máis curtos. Temos xa a piques de comezar o segundo tramo Areas-Estás, e continuaría despois a Goián. Tardará uns anos, non é a nosa responsabilidade, pero nós insistiremos que se cumpran prazos e se acurten no posíbel.

Cando a xente vai a Irlanda busca chuvia e verde, e nós témolo aquí

—Santa Trega e o seu parque arqueolóxico é o motor principal do turismo na Guarda.
É un punto fundamental porque é o segundo lugar máis visitado na Galiza despois da Catedral de Santiago. Pero moitos deses visitantes non baixan á vila e non nos coñecen. Alí tamén está o Museo Arqueolóxico (MASAT) que se alberga nun edificio proxectado por Antonio Palacios no seu día como restaurante.

—Poderían entrar nun circuíto Antonio Palacios, con Baiona, Nigrán, O Porriño, Mondariz e Ponteareas…
Desde o departamento de Turismo estamos traballando en varios proxectos para que A Guarda sexa punto de referencia non só no turismo de verán. Contamos con singularidades non só paisaxísticas, moi diversas, tamén de observación ornitolóxica no esteiro do Miño, que é un punto fundamental. Cando a xente vai a Irlanda busca chuvia e verde, e nós témolo aquí. O noso é un concello pequeno, de 19 quilómetros cadrados, pero nese espazo contamos con río, monte, mar e rotas moi diferentes.

Comentarios