Rexeitados os recursos presentados por BNG e Vox contra o Plan de Cobertura da CRTVG

A Xunta electoral volve resolver a favor da corporación pública

O debate da CRTVG desta sexta feira tivo como protagonista a cidade de Lugo. (Foto: TVG)
photo_camera O debate da CRTVG desta sexta feira tivo como protagonista a cidade de Lugo. (Foto: TVG)

A Xunta electoral da Coruña rexeitou os recursos presentados polo Bloque Nacionalista Galego (BNG) e por Vox contra o Plan de cobertura elaborado pola CRTVG para as eleccións estatais do próximo 23 de xullo.

Diso informou a CRTVG nun comunicado, no que detalla que, ante o recurso do BNG, a Xunta electoral provincial estima as alegacións feitas polo ente público e rexeita as peticións da formación nacionalista ao considerar que "non existe vulneración dos principios recollidos" na Lei orgánica de réxime electoral xeneral (Lorex).

O BNG recorreu a proposta de cobertura por considerar que “non cumpre o seu deber de garantir a pluralidade política e social”, nin contribúe á “formación dunha opinión pública informada”, cuestión que, para a formación nacionalista, debería ser respectada sempre, pero máxime en período electoral.

Para o Bloque era “incomprensíbel” que os medios públicos só tiveran previsto un único debate na televisión pública e que, unha vez máis, a dirección da CRTVG que encabeza Alfonso Sánchez Izquierdo, “se empeñe en emitilo nun horario con apenas audiencia, como se tivese por obxectivo minimizar o alcance dese único debate”.

O BNG tamén cuestionou os tempos asignados a cada formación. Concretamente, para o BNG, con 120.456 votos, 23 segundos de información electoral, “a todas luces insuficiente para garantir a pluralidade” e para permitir que os galegos e galegas poidan formarse unha valoración das propostas que presenta a formación política que lidera Ana Pontón.

Con respecto á reclamación de Vox, acorda tamén desestimar a reclamación que versaba sobre a pretensión da formación liderada por Santiago Abascal de participar nos debates e entrevistas electorais, así como conseguir máis tempo de cobertura.

A CRTVG sinala que, a día de hoxe, non recibiu ningún outro recurso contra o plan e lembra que xa nas eleccións municipais do 28 de maio, tanto a Xunta electoral provincial como a Xunta electoral central resolveron a favor da corporación os recursos presentados.

Plan de cobertura

A CRTVG presentou a pasada sexta feira ás formacións políticas o seu Plan de cobertura para os comicios do 23-X, que inclúen nos seus bloques informativos sobre a campaña electoral á coalición Sumar como representativa en atención aos resultados obtidos por En Común-Unidas Podemos en 2019, así como a Vox como grupo significativo a pesar de que a formación non logrou representación por Galicia nos anteriores comicios.

O propio documento apunta que se incluirán as candidaturas daquelas forzas políticas que non se presentasen ás anteriores eleccións equivalentes ou non obtivesen nelas representación e posúan a condición de grupo político significativo. Con todo, precisa que a cobertura non poderá ser igual ou superior á dedicada ás candidaturas que si obtiveron representación.

Ademais, indica que a información da campaña responderá os principios de pluralismo, igualdade, proporcionalidade e neutralidade informativa e que a duración dedicada a cada formación axustarase proporcionalmente aos resultados obtidos nos últimos comicios.

Debates e entrevistas sen Vox

O plan de cobertura contempla que a CRTVG organizará un debate multimedia de sesenta minutos o día 14 de xullo e que se emitirá en directo entre as 10 e as 11 horas a través da TVG, a Radio Galega e o portal web G24.gal. Ademais, volverá retransmitir pola TVG2 ás 23 horas dese mesmo día.

A este debate serán convidadas as formacións políticas que obtivesen representación nalgunha das catro circunscricións galegas nas eleccións xerais de 2019 e poderán participar nel persoas integrantes das candidaturas. Deste xeito, queda fóra Vox.

Os tempos serán libres e configuraranse en base a tres bloques temáticos: situación política actual, gobernanza e modelo de Estado; servizos sociais e atención á cidadanía; economía, industria, infraestruturas e fiscalidade.

En canto ás entrevistas, tamén se limitarán ás formacións con representación nas xerais de 2019 e serán os partidos os que escollerán a un dos integrantes das súas listas en calquera das catro circunscricións galegas. Cada candidato terá un minuto final para fechar o debate en orde de menor a maior porcentaxe de votos.

Realizaranse en San Marcos ás 8.30 horas e emitiranse a través da Radio Galega e os seus portais dixitais. A CRTVG sinala que terán unha duración que combinará o criterio de proporcionalidade coa lóxica formal das entrevistas de radio, cun mínimo de cinco minutos e un máximo de 15.

Deste xeito, a do BNG terá unha duración de cinco minutos, a de Sumar de sete, e as do PSOE e PP, 15 minutos. Os bloques temáticos serán os mesmos que os do debate.

Comentarios