28-M

Referendado o Plan de cobertura electoral da CRTVG, que dá máis espazo informativo a Vox que a 'mareas' e Podemos

A Xunta electoral rexeita os recursos presentados por BNG e Vox, por distintos motivos, contra a proposta do ente público, polo que a ultradereita, se ben seguirá sen participar dos debates cos candidatos das cidades, terá nos bloques informativos da TVG e a Radio Galego máis tempo dedicado que as 'mareas', Unidas Podemos ou Ciudadanos, malia teren, a diferenza do partido de Santiago Abascal, representación en distintos concellos.
O debate da CRTVG desta sexta feira tivo como protagonista a cidade de Lugo. (Foto: TVG)
photo_camera O debate da CRTVG desta sexta feira tivo como protagonista a cidade de Lugo. (Foto: TVG)

Os dous recursos presentados contra o Plan de cobertura posto en marcha pola CRTVG con motivo das eleccións municipais do próximo 28 de maio foron rexeitados. Así vén de notificalo a propia corporación a través dun comunicado, no que explica que esta sexta feira a Xunta electoral central comunicou a súa decisión sobre o último recurso que quedaba por resolver, o presentado pola formación de ultradereita Vox, que pedía a súa participación nos debates e nas entrevistas reflectidas no plan de cobertura.

Segundo apunta a CRTVG, a resolución recoñece a Vox a condición de "grupo político significativo" —como xa se recollía no propio plan—, mais non avala a súa participación nos debates e entrevistas ao non ter representación actualmente en ningún dos consistorios en xogo. A corporación lembrou que o pasado 8 de maio a Xunta electoral provincial desestimou tamén o recurso presentado contra o Plan de cobertura, neste caso, por parte do BNG, que introducía cinco alegacións ao documento aprobado.

Entre outras cuestións, o Bloque recorreu o texto entendendo que "os medios públicos minimizaban a difusión dunha información fundamental para a cidadanía, relegando a horarios de moi escasa audiencia as entrevistas e debates". Aliás, os nacionalistas consideraban "desproporcionado" o tempo asignado a forzas como Vox e vían "incompleto" o plan por non especificar a programación especial da xornada electoral. Tamén pedían a realización de entrevistas aos principais candidatos en horarios e formatos de maior audiencia.

Pola súa parte, a CRTVG sinalou que a Xunta electoral provincial desestimou todas as alegacións e resolveu que "a potestade organizativa dos medios de comunicación no exercicio da súa autonomía informativa" fai que "non poidan someterse a revisión os seus criterios sobre o obxecto do debate convocado", agás "discriminación ou arbitrariedade", cuestións que considera que "non concorren" no caso.

Deste modo, a corporación sinala que, ao non existir máis recursos presentados ante os organismos competentes e xa resoltos os que se interpuxeran, o Plan de cobertura da CRTVG queda referendado na súa totalidade.

Máis espazo informativo para Vox que para CS, 'mareas' e Podemos

O citado plan para a cobertura das municipais si reserva un espazo concreto para a ultradereita, porén, nos espazos informativos relativos á campaña electoral. Así, na TVG as noticias do PP disporán dun tempo de emisión de 1 minuto e 43 segundos; as do PSdeG, 1 minuto e 42 segundos; as do BNG, 40 segundos; as de Vox, 20 segundos, e as restantes —incluíndo Ciudadanos, 'mareas' e Unidas Podemos, malia teren representación en diferentes concellos—, 15 segundos.

Na Radio Galega, os tempos asignados para as distintas formacións ao longo dos 15 días de campaña serán de 2 minutos e 5 segundos para o PP, 2 minutos e 3 segundos para o PSdeG, 48 segundos para o BNG, 20 segundos para Vox e 15 segundos para outras candidaturas.

No momento de presentar esta proposta, desde a CRTVG xustificárona amparándose na Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (Loreg, en castelán) e baseáronse, para considerar Vox un "grupo político significativo" —non así as forzas da esquerda 'rupturista', malia superar Vox baixo o paraugas de Galicia en Común tanto nas Xerais de 2019 como nas Galegas de 2020—, nos resultados electorais das Xerais de 2019, nas que a ultradereita non logrou representación pero si superou o limiar de 5%, cun resultado de 7,8% no conxunto da Galiza. Nas galegas de 2020 apenas superou o 2%.

Entende a corporación que cumpre cos requisitos legais ao presentarse en municipios que abranguen máis da metade da poboación total do país e, malia non obter ningún edil nas municipais de 2019, "con posterioridade en recentes procesos electorais e no ámbito de difusión do medio [CRTVG] obtivo un número de votos igual ou superior a 5% dos votos válidos emitidos".

Comentarios