É real o retorno económico de "até 1.000 millóns de euros", o 13% do PIB de Vigo, das luces de Nadal?

"Son cifras que só existen na cabeza do alcalde pero que os datos oficiais botan por terra", aseguran desde o BNG, ao tempo que tentan desmentilas amparándose en diferentes indicadores.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero (no centro), no acto de prendido do alumeado de Nadal do pasado ano. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
photo_camera O alcalde de Vigo, Abel Caballero (no centro), no acto de prendido do alumeado de Nadal do pasado ano. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

Mil millóns de euros. Seis millóns de persoas. Cada vez que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, é preguntado polo impacto na economía local da súa política estrela, o alumeado e demais elementos parellos dun Nadal que se estende de novembro a xaneiro, responde con cifras millonarias que non deixan ninguén indiferente. A súa última aparición na televisión estatal deixou un titular moi cuestionado: "O pasado ano visitáronnos seis millóns de persoas por día".

O propio Concello corrixiu pouco despois esa cifra, que suporía multiplicar por 20 a poboación viguesa, alegando que o rexedor quería referirse ao cómputo global de visitantes ao longo de todas as semanas de festas. Mais desde a oposición puxeron igualmente en dúbida que o dato, que Caballero non acompañou de ningún rexistro ou estatística oficial, fose certo. Igual que outro que tamén chamou fortemente a atención: que o retorno económico do Nadal pode alcanzar os 1.000 millóns de euros.

"Son cifras que só existen na cabeza do alcalde pero que os datos oficiais botan por terra", asegura o concelleiro e portavoz do BNG en Vigo, Xabier Pérez Igrexas, que pide a Abel Caballero que "non volva intentar estafar os vigueses con datos inventados". Os últimos datos do IGE, de 2020, cifran en 7.759 millóns de euros o produto interior bruto (PIB) de Vigo, polo que o dato que achega o rexedor suporía que os tres meses do Nadal achegan nada menos que perto de 13% do PIB total.

A este respecto, fala dunhas cifras "disparatadas" que contrasta cos datos da Axencia Tributaria, "que demostran que no Nadal de 2022 se recadaron 7,37% menos impostos que no anterior", e do paro: "Entre novembro e decembro creáronse só 192 empregos, e xaneiro fechou con 195 parados máis".

"O Nadal crera menos de 200 postos de traballo ultratemporais e absolutamente precarios", cuestiona o nacionalista, que cre que Caballero "usa estas cifras como escusa para seguir a impor un modelo de Nadal que reduce a cidade durante tres meses a un parque temático inhabitábel e inseguro".

Pérez Igrexas entende que o alcalde "dá cifras absolutamente disparatadas, sen achegar datos oficiais, nin indicadores obxectivos, nin informes técnicos" para defender que o Nadal é a "principal industria da cidade", co obxectivo, di, de lograr nos medios "titulares histriónicos que alimenten a súa xira polos platós de televisión".

8 euros por habitante en luces

O Concello de Vigo adxudicou en 2018 a Ximénez Iluminación o contrato do alumeado de Nadal por un importe próximo aos 2,5 millóns de euros e unha duración de tres anos, o que se traduce nun gasto anual de pouco máis de 800.000 euros. Ou, o que é o mesmo, a cada vigués e viguesa 'custoulle' uns 2,7 euros. Unha vez concluído prorrogouse para o pasado ano, cun lixeiro incremento que o elevou até os 929.000 euros —3,18 por habitante—.

Mais o alcalde, Abel Caballero, está decidido neste mandato a bater todas as marcas. O Goberno local vén de iniciar a licitación do novo contrato, que ficará en vixencia entre este mesmo Nadal e o de 2026-2027, e o seu custo para estas catro anualidades dispárase até os 9,48 millóns de euros —IVE incluído—. En cada cita con estas festas en Vigo, por tanto, o Concello gastará no alumeado da cidade, de media, uns 2,37 millóns de euros; é dicir, 187% máis que en 2018. En só un lustro, o Nadal pasará de 'pesar' nos petos da cidadanía viguesa 2,7 euros a perto de 8,3. O triplo.

Comentarios