Vigo

Caballero dispara até os 9,5 millóns de euros o custo das luces de Nadal por catro anos

O Goberno de Abel Caballero xa está a traballar nas festas invernais deste ano. O anterior contrato de iluminación, de 2018, foi adxudicado por 2,5 millóns de euros por tres anos e prorrogado por un millón máis.
Nadal de 2021 en Vigo. (Foto: Arxina)
photo_camera Nadal de 2021 en Vigo. (Foto: Arxina)

O Concello de Vigo vén de iniciar esta quinta feira a licitación da súa iluminación do Nadal para os próximos catro anos, nos que prevé investir case 9,5 millóns de euros, segundo se desprende do anuncio publicado na Plataforma de Contratación do Sector Público. En concreto, o obxectivo do contrato é a redacción do proxecto decorativo de iluminación exterior das rúas, prazas e espazos comerciais da cidade durante o Nadal deste ano 2023-2024 e até o 2026-2027.

A licitación inclúe a subministración en réxime de alugueiro dos elementos decorativos, así como o servizo de instalación, mantemento, reparación, reposición ou substitución, se procede, durante o período de Nadal, alén do desmontado da instalación. Para iso, o Concello prevé un gasto de 7,84 millóns de euros máis IVE, ascendendo a uns 9,48 millóns. É dicir, 2,37 millóns ao ano. Os interesados poden presentar as súas ofertas até o vindeiro 1 de setembro.

O Concello reivindica que a iluminación do Nadal é un "elemento xerador de emprego e incentivador da actividade comercial", polo que o Nadal convértese cada ano en Vigo nun elemento que ten un "dobre efecto" na economía: directo e indirecto.

"O impacto económico directo das campañas vén marcado polo gasto en hostalaría, restauración e compras que realizan as persoas que acoden a visitar a cidade, atraídas pola oferta de iluminación e as actividades do Nadal en Vigo", subliña o Goberno local no acordo de iniciación do expediente.

Pola súa parte, o efecto indirecto vén determinado pola "visibilidade" que ten a cidade coa campaña do Nadal e que se materializa, especialmente, "nos medios de comunicación e nas redes sociais", argumentan desde praza do Rei.

O anterior contrato para a iluminación do Nadal de Vigo foi adxudicado en 2018 á empresa cordobesa Ximénez Iluminación por case 2,5 millóns de euros para tres anos, que foi prorrogado por case un millón máis. Este aumento da contía, alén de deberse ao incremento de custos nos últimos anos pola inflación, tamén responde á intención do Concello de "facer medrar" o Nadal para que máis turistas cheguen a Vigo.

"O Nadal vai ir máis aló. Xa o sabemos. Temos que estender o Nadal e levalo o máis posible a máis lugares da cidade, para dispersalo no conxunto da cidade para que haxa aproveitamento dos beneficios directos que xera en todas partes e para evitar as grandes concentracións de cidadáns", reivindicou precisamente o alcalde, Abel Caballero, esta cuarta feira após a primeira reunión do comité especial do Nadal de Vigo, que xa organiza as próximas festas.

Comentarios