Abel Caballero di que se non prendese as luces de Nadal en Vigo, "gañaría Putin"

Caballero cualificou as luces de "fenómeno social", xa que "todo o mundo sabe do Nadal de Vigo".
Abel Caballero, este agosto, na inauguración do inicio da instalación das luces de Nadal.
photo_camera Abel Caballero, este agosto, na inauguración do inicio da instalación das luces de Nadal.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, confirmou este domingo en Vigo que volverá prender este ano as luces de Nadal. De non facelo, apuntou, "gañaría Putin".

"Sería un disparate. Quen retorna os miles e miles de empregos que isto xera?, e a ilusión que xera o Nadal de Vigo en todo o mundo?", preguntou o rexedor municipal sobre a posibilidade de non instalar as luces, nunha entrevista concedida á Cadea Ser Galicia e recollida por Europa Press.

"Sería un disparate. Quen retorna os miles e miles de empregos que isto xera?, e a ilusión que xera o Nadal de Vigo en todo o mundo?", preguntouse o rexedor municipal

Caballero cualificou as luces de "fenómeno social", xa que "todo o mundo sabe do Nadal de Vigo". Ademais, explicou que se reducirán as horas de encendido e que, no canto de sete, serán seis horas. Con isto aforrarase 14,5%, detallou, "o dobre do que pide España". "É posíbel manter a ilusión, facer funcionar a economía e aforrar enerxía. É posíbel facelo todo", reafirmou.

Por outra parte, ve "incomprensíbel" que o PP apoie ás eléctricas no medio da crise actual. "Hai que axudar a saír da crise polo benestar da xente". O tamén presidente da federación de municipios apuntou que "todos os concellos están moi pendentes da situación" e que, no caso de Vigo, "están a tomarse continuamente medidas para apoiar os cidadáns".

Luces LED nos concellos

Avanza tamén que proporá, en calidade de representante da FEMP, unha medida "inmediata e baratísima", que podería financiarse cos fondos europeos, e que sería cambiar a luces LED a iluminación dos municipios e que significaría "un aforro de 80%".

Por outra parte, o prezo media da luz para os clientes de tarifa regulada vinculados ao mercado almacenista sobe esta segunda feira 34,6% con respecto a este domingo, até os 261,99 euros megawatt hora, segundo os datos provisionais do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE).

Comentarios