Análise

O reto de Sanmartín en Compostela

Afonso Eiré é xornalista.
Xan Duro, Iago Lestegás, Míriam Louzao, Goretti Sanmartín, María Rozas, Manuel C. Vila, Xesús Domínguez e Pilar Lueiro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Xan Duro, Iago Lestegás, Míriam Louzao, Goretti Sanmartín, María Rozas, Manuel C. Vila, Xesús Domínguez e Pilar Lueiro. (Foto: Nós Diario)

Compostela non é unha vila. Nin tampouco unha capital. Compostela é A Capital. Nin sequera, unicamente, a capital administrativa da nacionalidade galega ou simbólica da nación galega. Compostela é todo iso e moito máis.

Compostela é a capital do Antigo Reino de Galiza. Compostela é unha das tres capitais da cristiandade. Compostela é unha capital cultural para o mundo galaico. Compostela é capital Patrimonio da Humanidade. Compostela é capital universitaria. Compostela é a capital xacobea, a ruta europea máis importante, no seu día comercial, hoxe turística e espiritual. Compostela é pedra e tamén historia. É cerne e, tamén, futuro.

Por todas estas razóns, e aínda algunhas máis, que unha nacionalista, unha muller como Goretti Sanmartín, ocupe a alcaldía é un feito de gran relevancia política.

Para vivir

Goretti Sanmartín e os seus concelleiros terán que repensar a cidade e transformala. Primeiro no aspecto de póla ao servizo da cidadanía, dos que traballan e viven en Compostela. Deben reconstruír unha cidade para vivir. O “éxito” turístico non pode matar a cidade. O pasado non pode coutar o futuro. O centro histórico non pode apoucar os barrios e parroquias. Nin as tendas e pisos turísticos expulsar os seus veciños.

Ao mesmo tempo, está o reto de integrar todo o soallo administrativo que leva consigo a Xunta e as outras administracións coadxuvantes. A pregunta é se PP e PSOE están interesados en darlle esa dimensión político-práctica a Santiago. Até agora non foron quen, moitas veces maniatados polos localismos, os ciumes e os intereses cativos, pero, sobre todo, pola súa visión centralista do Estado: Capital só hai unha, Madrid. E desde Madrid ao ceo de España, unha, grande..., centralista e temerosa das periferias. As críticas a “Alba de Compostela” e a non presenza na Ofrenda agoiran unha dura batalla.

A Igrexa

O outro gran reto de Sanmartín e o BNG vai ser non só a súa convivencia coa Igrexa Católica, de esmagante peso na cidade, tanto no aspecto simbólico como no material. Son moitos os inmóbeis, bastantes baleiros, que piden un novo uso, racionalidade, poñelos ao servizo da cidade e da cidadanía.
Aquí atopámonos tamén con outro aspecto simbólico. Aí está a Catedral, non só como referente cristián, das peregrinacións, senón co seu papel como pétreo faro e estandarte da nación galega, da súa cultura e da súa historia.

Precisa dotala dun novo relato, comezando polo axeitamento do Panteón Real. Como é imprescindíbel a posta en valor do Panteón de Galegos Ilustres, conseguindo exportar a súa relevancia. Algo que será máis fácil lograr agora ao ser xestionado polo Parlamento a través dunha fundación.

Un traballo arduo e difícil o que lle espera a esta alcaldesa. Terá que pór en marcha todas as dúas dotes de negociación, toda a súa empatía, pero tamén toda a súa firmeza. Pero non pode estar soa nesta tarefa. É unha tarefa comunal, nacional, que non se poderá conseguir sen o total apoio da súa organización, o BNG.

Van existir interpretacións diferentes, tácticas non sempre coincidentes á hora de abordar estes problemas. Pero, se algo debe ter aprendido o nacionalismo é en confiar na súa xente e escoitar, en debater antes de disentir ou condenar.

PP e PSOE non llo van pór doado ao novo Goberno municipal

Todo o que leva consigo a festividade do Apóstolo e as relacións entre o poder civil e eclesiástico non son doadas, pois esta vai unida tamén a dúas celebracións contrapostas: O Día da Patria Galega e Santiago patrón de España.

Confiemos na intelixencia política de Goretti Sanmartín e na madurez do BNG. Agardemos que o talante do novo bispo, Francisco Xosé Prieto, que deixou albiscar tanto na súa toma de posesión como na da alcaldesa, faga moito máis fácil que en tempos pasados esas relacións de Compostela coa curia e 
xerarcas católicos.

Quen non llo van pór fácil ao novo Goberno van ser tanto PP como PSOE. Cónstanos que, xa antes do pacto municipal, houbo encontros entre socialistas e populares para impedir unha alcaldesa nacionalista. Se non frutificaron foi porque o PSOE tiña moito que perder. Isto non quer dicir que non vaian intentar desbancar a nova alcaldesa se se lles presta a ocasión.

Xa o anunciou o voceiro popular no concello, Borja Verea: “non descartamos unha moción de censura”. Tamén lembrou como lle sacaron a alcaldía aos nacionalistas das capitais de Cataluña e o País Vasco. Vicent Partal explicou moi ben neste diario como non foi un caso illado e o papel de cadaquén.

Aí vese o peso máis ca simbólico da alcaldía nacionalista de Santiago.

Comentarios