28-M

Esta quinta feira remata o prazo para solicitar o voto por correo: isto é o que precisas saber

As oficinas do Milladoiro, Bertamiráns (ambas as dúas no concello de Ames), Santiago e Teo abrirán de forma extraordinaria malia o festivo.
Oficina de Correos en Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Oficina de Correos en Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)

O prazo para solicitar o voto por correo para as eleccións municipais do 28-M remata esta quinta feira, 18 de maio, contando até o 24 de maio para depositar o sobre co voto nos horarios habituais de apertura das oficinas postais. A obtención do certificado pode solicitarse en calquera oficina de Correos do Estado español no seu horario habitual ou por internet a través da súa web.

Para facilitar as xestións aos cidadáns e cidadás interesadas, Correos abrirá de forma extraordinaria 13 oficinas de todo o Estado, de 9 a 14 horas, en sete municipios que celebran o seu festivo local nesa data. Entre eles figuran os concellos de Ames (oficinas de Bertamiráns e O Milladoiro), Teo (oficina da Ramallosa) e Santiago de Compostela (oficina principal, sucursais 1 e 2).

As persoas que decidan apostar por este último modelo deben acreditar a súa identidade por medio da sinatura electrónica, aceptándose como sistemas de identificación válidos os certificados de persoa emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre e o DNI electrónico (DNI-e).

Unha vez solicitado o voto, a Oficina do Censo Electoral ten de prazo até o domingo 21 de maio para enviar a documentación necesaria para emitir o voto, entre as que se atopan as papeletas dos partidos ou a inscrición no censo.

A entrega dos documentos realizarase sempre en eprsoa ao interesado e no domicilio sinalado na solicitude. Os repartidores de correos tentarán un máximo de dúas veces entregar no domicilio da persoa solicitante a documentación. Tras iso, deixarán un aviso de chegada para a súa recollida na oficina postal correspondente.

As persoas que soliciten o voto deberán presentar como moi tarde o 24 de maio —incluído— o sobre —cuxo remitente é a mesa electoral— contendo o certificado de inscrición no censo electoral e o da votación, no que se incluirá a papeleta, en calquera oficina postal a nivel estatal.

O envío será cursado como correo certificado e urxente, con carácter gratuíto. O servizo de Correos conservará até o mesmo día das eleccións toda a correspondencia dirixida ás mesas electorais e trasladaraa ás mesmas desde as 9 até as 20 horas. Rematada a votación, a mesa depositará os votos na urna e posteriormente chegará o escrutinio.

Quen decidan votar por correo non poden despois facelo de maneira presencial na mesa electoral o día das eleccións, xa que os presidentes das mesas electorais contarán cun rexistro no que figure o nome e o DNI de quen xa exerceron o seu dereito ao voto.

Comentarios