É "discriminatorio" impedir o sufraxio antes dos 18 anos? Estes son os países que permiten votar aos 16 (e os requisitos)

A Corte Suprema de Nova Zelandia considera unha "vulneración de dereitos" restrinxir o voto por razón de idade. Outros (poucos) países fixan a idade mínima nos 16 anos... mais cunha serie de obrigas como ter un emprego ou casar.
Unha persoa deposita o seu voto nunha urna electoral. (Foto: Europa Press)
photo_camera A sociedade neozelandesa avoga por reducir a idade mínima para votar. (Foto: Europa Press)

Impedir o voto antes de facer 18 anos é unha medida "discriminatoria" por razón de idade e "vulnera os dereitos" das persoas novas. Ou, cando menos, iso é o que vén de asegurar a Corte Suprema de Nova Zelandia, nunha histórica sentenza na que se pronuncia a prol dunha apelación para reducir a idade mínima de voto aos 16 anos impulsada polo campaña popular 'Make It 16'.

Esta segunda feira, após coñecer o veredicto, a primeira ministra neozelandesa, Jacinda Ardern, avanzou que redactará unha lei para mudar a 16 anos o mínimo requirido para participar dunhas eleccións. "Creo que o tema debe tratarse no parlamento para que todos [os partidos políticos] poidan opinar", dixo.

Porén, para sacar adiante a reforma Ardern precisa de 75% dos apoios da Cámara neozelandesa. "O goberno e o parlamento non poden ignorar unha mensaxe legal e moral tan clara. Deben deixarnos votar", advertiu o codirector da campaña 'Make It 16' Caeden Tipler.

Este movemento xurdiu a raíz das protestas da mocidade contra o cambio climático, os Fridays for Future que se estenderon ao longo e amplo de todo o planeta: "Hai tres anos vimos as folgas escolares polo clima e todo o mundo pensou, 'como lles damos aos mozos máis voz e máis formas de facer cambios a grande escala?' Votar foi unha desas ideas", explicou o tamén cofundador desta campaña Sanat Singh.

A idade mínima no mundo

O caso de Nova Zelandia reabre o vello e recorrente debate sobre a pertinencia de rebaixar o mínimo legal para votar. Porén, a inmensa maioría dos países do mundo fixan a idade requirida para participar dunhas eleccións nos 18 anos.

No continente europeo só Austria e Malta permiten o dereito ao sufraxio a partir dos 16 anos, se ben outros países como Alemaña —só nalgúns dos seus territorios— aproban o voto a esta idade nas eleccións rexionais, non así no caso das estatais. Á outra beira do Atlántico, a participación nas eleccións é posíbel aos 16 anos na Arxentina, Brasil, Cuba e Ecuador.

En Grecia, a idade mínima fica nos 17 anos, e Corea do Sur é o único país do mundo que fixa o baremo nos 19 anos. E hai outros casos curiosos como o de Indonesia, onde o mínimo legal é tamén de 17 mais só para persoas casadas, do mesmo modo que acontece en Hungría para as persoas de 16 anos, mentres en Kuwait hai que ser maior de 21 anos e residir no país durante, cando menos, 20 anos.

En Bosnia, Croacia, Eslovenia ou Serbia teñen dereito ao voto as mozas e mozos de 16 anos... Iso si, para exercelo é preciso ter un emprego.

Sexa como for, o debate está servido e os próximos movementos de Nova Zelandia, noutrora país pioneiro en aprobar o dereito ao sufraxio feminino, poden marcar o rumbo doutros territorios a nivel mundial.

Comentarios