Reino exixe a Feixoo exonerar o pagamento do aluguer nas vivendas de protección

O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, pide á Xunta que estenda o bono de aluguer a 100% para familias sen recursos ou que viran mermados os seus ingresos en 75%.
O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino en rolda de prensa telemática (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino en rolda de prensa telemática (Imaxe: Nós Diario)

O portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, propuxo este sábado 18 de abril pór en marcha unha liña de axudas destinadas ao pagamento de alugueres de pisos e residencias universitarias destinadas a estudantes cuxas familias non teñan recursos ou "estean a ver minguados os seus ingresos" en 75% durante a crise do coronavirus.

Nunha rolda de prensa telemática, Reino presentou propostas da coalición en materia de vivenda, que debe ser "un dereito garantido", especialmente na situación actual de confinamento, dixo.

Após saudar as medidas tomadas polo Goberno do Estado español, que cualificou de "históricas", instou ao presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, a que "exercer as súas competencias" e "que non se esconda detrás da Televisión galega nin doutras Administracións”.

"O Goberno galego non pode quedar de brazos cruzados e debe desenvolver, como fixeron tamén o Goberno do Estado e os Gobernos doutras comunidades autónomas, medidas que eviten que as galegas e galegos perdan a súa vivenda", manifestou o portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas.

Alén das axudas a estudantes, Reino solicitou a Feixoo que "exonere" do pagamento do aluguer até o mes de xuño aquelas familias inquilinas de vivendas públicas do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).

Ademais, Gómez-Reino propuxo estender o 'bono de aluguer social' da Xunta á totalidade dos gastos das vivendas, incluída a factura da comunidade, para todas as persoas que visen diminuídos os seus ingresos nun 75%.

Tamén demandou ao Goberno galego que aplique "con celeridade e coa máxima dilixencia" o decreto do Plan Estatal de Vivenda 2018/2020 no que se inclúen medidas para vítimas de violencia machista, para persoas afectadas por desafiuzamentos e para outros colectivos en situación de vulnerabilidade. Para eles, a coalición reclamou "solucións habitacionais".

"O Ministerio fixo o seu traballo e mobilizou unha inxente cantidade de recursos que deben desenvolver as Comunidades Autónomas", explicou Gómez-Reino. Finalmente, o portavoz de Galicia en Común- Anova Mareas valorou que da crise do coronavirus "non se pode saír como se fixo da do 2008", na que "se empobreceu aínda máis aos que menos teñen". "Desta non se pode deixar a ninguén atrás", resumiu.

Comentarios