Rego pide a distribución gratuíta de máscaras para toda a poboación

O deputado do BNG, Néstor Rego (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG, Néstor Rego (Imaxe: Nós Diario)

A distribución masiva e gratuíta de máscaras a toda a poboación, a xeneralización de tests para identificar máis rapidamente e poder illar os casos positivos e fornecer de equipos de protección individual todo o persoal que traballe en zona de risco son medidas que o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defendeu esta quinta feira, 23 de abril, na Comisión de Sanidade na Cámara Baixa.

O nacionalista subliñou “a falta de previsión do Goberno español á hora de adquirir stokc ou fabricar material para o control da epidemia”, e insistiu en que, despois dun mes, “non hai escusa para non poder contar cos materiais necesarios”. Rego foi crítico tamén coa demora na adopción de medidas como reducir o IVE das máscaras, “non para particulares”, destacou o deputado, ou fixar un prezo máximo para materiais como luvas, máscaras ou solución hidroalcohólicas.

Nese sentido, para Rego “é necesario que o Goberno distribúa masivamente e de forma gratuíta máscaras a toda a poboación”, e é "especialmente relevante nos centros de traballo". 

Rego reclamou tamén que o Goberno elimine a Taxa de Reposición de Efectivos por entender que no escenario despois da emerxencia sanitaria “será necesario reforzar o conxunto dos servizos públicos para atender adecuadamente as necesidades da poboación, garantir medios para executar o impulso económico e, sobre todo, manter unha sanidade pública fortalecida e preparada para facer fronte á COVID-19”. 

O deputado nacionalista advertiu que, entre outras cousas, se vai necesitar máis persoal para poder establecer a figura dos rastreadores para que no futuro se poidan atallar os casos que xurdan antes de que se estendan e poidan afectar á saúde das persoas do entorno familiar, social ou laboral e tamén á actividade económica.

Comentarios