Ratificada a absolución do alcalde de Oleiros polo derrube da 'Casa Carnicero'
O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) confirmou esta sexta feira a absolución do alcalde de oleiros, Ángel García Seoane, do partido Alternativa dos Veciños (AV), e dun arquitecto técnico do Concello do delito contra o patrimonio histórico ou, subsidiariamente, do delito xenérico de prevaricación do que foron acusados polas obras de demolición que tiveron lugar o 31 de decembro de 2020 sobre o que restaba da 'Casa Carnicero', un edificio modernista de principios do século XX que en xullo dese ano sufrira un importante incendio.
A Sala do Civil e Penal, polo tanto, desestima o recurso presentado pola Fiscalía contra a sentenza ditada pola Audiencia da Coruña, que tamén absolvera a ambos. O Tribunal sostivo que existían "dúbidas incompatíbeis coa fehaciencia necesaria para enervar a presunción de inocencia e considerar concorrente a existencia dun elemento subxectivo por parte dos acusados de actuar vulnerando de forma fragrante o ordenamento aplicábel".
O rexedor definiuse posteriormente en rolda de prensa como “un defensor a morte do patrimonio histórico e arquitectónico” e cualificouse como “unha vítima con máis de cinco anos dunha persecución sen precedentes por parte da oposición”.
"Quixeron empregar os tribunais para acabar comigo”, sentenciou, para logo incidir en que no seu día actuou coa demolición da 'Casa Carnicero' porque había perigo para as persoas tras un temporal. “O que fixen foi salvar vidas”, insistiu, reiterando que foi "defensor do patrimonio de Oleiros".
“Recuperei para o municipio gran parte da historia con edificios emblemáticos, a maior parte de propiedade privada”, engadiu. Tamén avanzou que AV xa estuda candidaturas en concellos como Betanzos, Paderne, Pontedeume o Cariño de cara a 2027.