Vivenda, comercio, lingua e pesca, entre as partidas máis recortadas respecto a 2009

O orzamento para ensino ou promoción do emprego tamén minguou.
A vivenda de nova construción escasea na Galiza, mentres aumenta noutros puntos do Estado. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

O proxecto de Orzamentos da Xunta da Galiza para 2023 -que sobrepasan o teito de gasto e sitúanse en 12.620 millóns de euros- acompáñase da correspondente distribución por partidas e finalidades dese montante millonario. Unha distribución que permite coñecer cales son as apostas e prioridades do Goberno galego de Alfonso Rueda para o vindeiro ano e, tamén, como variaron estas a respecto das plasmadas nos orzamentos de 2009, os últimos do Goberno de coalición entre PSdeG e BNG. 

E aí compróbase que hai diferenzas importantes en varios apartados entre uns orzamentos e outros. Entre as maiores caídas porcentuais están os presupostos destinados á normalización lingüística do galego e a vivenda. No primeiro caso, pasouse dos 21,77 millóns de euros orzados en 2009 aos 10,9 millóns para 2023. Un recorte da metade do presuposto e que, orzamento após orzamento, o actual Executivo foi labrando desde 2009. Desde aquel ano, a partida máis alta de normalización lingüística foi no exercicio seguinte, 2021, con 17 millóns de euros, catro millóns menos que en 2009.

A vivenda, as contas para 2023 consígnanlle algo máis de 130 millóns de euros. Son 80 millóns de euros menos que os que se adxudicara a este capítulo en 2009 (210,9 millóns de euros). Un descenso de case 40%. A política de vivenda do actual Goberno da Xunta ten centrado as críticas da oposición e de colectivos e entidades que traballan a favor da vivenda como un dereito accesíbel. Entre a realidade que denuncian figura que o Goberno galego edificase só 40 vivendas de promoción pública en cinco anos (2015-2020).

Sectores produtivos

A mingua nas partidas tamén deixa pegada en sectores produtivos e económicos, segundo se recolle da comparación dos presupostos da Xunta para 2023 e os de 2009. 

En pesca, unha actividade fundamental no tecido socioeconómico da Galiza, a partida destinada para o vindeiro ano é de 146 millóns de euros, unha cifra que supón unha redución de por volta de 15% a respecto do exercicio 2009, cando recibira nos presupostos perto de 174 millóns de euros.

O apartado de comercio dos presupostos de 2009 tiña consignados 35,2 millóns de euros e no proxecto para os do vindeiro ano a cantidade é de 25,4 millóns. Unha redución de 25%.

A listaxe de diñeiro minguante  nestes anos segue para capítulos como o de actuacións ambientais, que pasou de recibir 295 millóns de euros en 2009 a 227 millóns en 2003. Ou o de dinamización económica do medio-rural, que cae en 1,5% (seis millóns de euros menos).

Ademais, de aplicar nesta comparativa o incremento do Índice de Prezos ao Consumo (IPC) entre 2009 e 2023, aumentan de maneira importante as partidas que para o ano van recibir menos orzamento que o que tiñan en 2009. Por exemplo, a de ensino, á que agora lle asignaron 2.796 millóns de euros mentres  que os 2.400 millóns que recibira en 2009 serían 3.077 millóns ao actualizar a inflación. E igual acontece con Promoción de Emprego, que pasou de ter en 2009 máis de 538 millóns de euros [cantidade actualizada conforme ao IPC] a 443 millóns.

Comentarios