Os orzamentos galegos de 2023 favorecen millonarios, compañías eólicas e bingos

A Xunta poderá levantar a moratoria eólica cando considere oportuno.
O Executivo galego quere rebaixar en 20% os impostos aos bingos. (Foto: Europa Press)
photo_camera O Executivo galego quere rebaixar en 20% os impostos aos bingos. (Foto: Europa Press)

O orzamento é a concreción práctica das prioridades políticas dun Goberno. As actuacións nel recollidas dan conta dos intereses que defende a forza política que os propón. Millonarios, empresas eléctricas e as compañías do xogo son algúns dos sectores favorecidos na proposta de contas públicas para 2023 aprobada polo Executivo galego.

A Lei de medidas fiscais e administrativas da Xunta, socialmente coñecida como lei de acompañamento dos orzamentos, presentada esta semana no Parlamento, recolle a bonificación fiscal para as grandes fortunas anunciada polo presidente Alfonso Rueda no comezo do debate das contas. Neste sentido, no seu artigo 6 fixa unha “bonificación do imposto sobre o patrimonio”, onde estabelece que “sobre a cota íntegra do imposto aplicarase unha bonificación de 50% do seu importe”.

A proposta do Goberno galego implica reducir os impostos a 7.646 galegos e galegas  cuxos bens teñen un valor superior a 700.000 euros, excluíndo a vivenda habitual até 300.000 euros. Neste caso, a Axencia Tributaria cifra o patrimonio medio dos beneficiados por esta medida en seis millóns de euros, deixando de recadar a Xunta arredor de 34 millóns. Precisamente, o Executivo galego está acudindo ao endebedamento para compensar as rebaixas fiscais ás grandes fortunas.

Un ano máis, o sector do xogo sae favorecido dos orzamentos. Se no pasado exercicio a Xunta da Galiza aprobou unha bonificación de 20% nos impostos a casinos e bingos e de 30% nas máquinas comecartos, nesta anualidade o PP propón unha nova rebaixa de 20% para os 11 bingos abertos na Galiza. Neste caso, desde o BNG e o PSdeG  volven denunciar a proximidade entre o Partido Popular e a patronal do xogo, presidida na Galiza por Serafín Portas, casado en réxime de gananciais coa deputada do PP e membro da comisión de Orzamentos, Lupe Murillo.

A Lei de medidas fiscais e administrativas sinala no seu artigo 7 que “nas modalidades do xogo do bingo diferentes ao bingo electrónico aplicarase o tipo de gravame de 50%. O suxeito pasivo poderá aplicar un tipo de gravame de 30% en cada período impositivo no que mantivera o emprego con respecto ao período impositivo inmediato anterior”. A diferenza do acontecido no pasado exercicio, o Goberno non vai poder explicar a decisión como consecuencia do “impacto na pandemia no volume de negocios do sector do xogo”. 

Eléctricas

Os orzamentos de 2023 representan de facto o final da moratoria eólica aprobada na Lei de medidas fiscais e administrativas dos orzamentos do pasado ano, onde se recollía que "atendendo ao número de proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e a cifra de MW prevista nestes proxectos, non se admitirán a trámite novas solicitudes en 18 meses co obxectivo de levar a cabo unha ordenación racional" do sector. Nesta liña, nas contas para o vindeiro exercicio sinálase que “atendendo ás eventuais desistencias, renuncias, declaracións de caducidade ou resolucións desestimatorias das solicitudes xa presentadas, o Consello da Xunta, de xeito motivado, poderá reabrir temporalmente o prazo para presentar novas solicitudes utilizando como referencia os MW en trámite”.

Desenvolvemento de parques eólicos en Rede Natura

O sector eólico gaña de novo coas contas públicas de 2023. A maiores da excepcionalidade a favor das empresas enerxéticas recollida na referida disposición adicional terceira do capítulo IX da Lei de medidas fiscais e administrativas dos orzamentos, os presupostos mudan a lexislación para autorizar “aqueles proxectos eólicos que teñan unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, posúan unha función vertebradora e estruturante do territorio e sexan declarados como tales polo Consello da Xunta da Galiza, a proposta da consellaría competente en materia de enerxía”. Asemade, a proposta da Xunta abre a porta a desenvolvementos eólicos en espazos actualmente non autorizados, como a Rede Natura 2000.
 

Comentarios