Que agocha o silencio da prensa española sobre a relación entre a raíña Letizia e Jaime del Burgo?

Os escándalos da monarquía española volven ocupar as primeiras planas da prensa internacional. Neste caso, o foco está posto na suposta relación entre a raíña Letizia Ortiz e o empresario navarro Jaime del Burgo. Mentres tanto os medios de comunicación do Estado gardan silencio.

Letizia Ortiz (Foto: Alberto Ortega / Europa Press).
photo_camera Letizia Ortiz (Foto: Alberto Ortega / Europa Press).

O pasado 4 de decembro, o empresario navarro e coñecido ultradereitistista Jaime del Burgo daba a coñecer na súa conta da rede social X unha presunta relación de parella coa raíña Letizia Ortiz, entre 2010 e 2011, cando a monarca española xa levaba seis anos de matrimonio con Felipe VI.

O chío de Del Burgo, que estivo casado cunha irmá da raíña entre 2012 e 2014, publicouse só unhas semanas despois de que o xornalista Jaime Peñafiel dera a coñecer unha relación sentimental entre Letizia e o empresario navarro entre 2002 e 2004.

As ordes de Zarzuela

A información sobre a relación non fixo máis que medrar desde aquela, polos novos datos achegados por Del Burgo nas súas redes sociais, malia o silencio da prensa  española, debidamente tocada desde Zarzuela.

A posición do medios de comunicación españois contrasta coa mantida polos xornais e revistas doutros Estados europeos. Así, por exemplo, un diario monárquico e conservador como o británico The Times non dubidou en titular en portada a nova en español co titular “El escándalo”.

O xornal de Londres recollía nas súas páxinas interiores que a raíña  Letizia “tivo un romance co seu futuro cuñado mentres estaba casada co rei Felipe”. Nuns termos semellantes, titulaba o diario Daily Mail, o segundo máis lido do Reino Unido e, tamén, en posicións monárquicas.

A prensa internacional

The Telegraph foi outros dos periódicos británicos que deu cumprida información do caso. Na mesma liña, a nova foi recollida en xornais de todo o mundo, como o primeiro diario arxentino, Clarín, ou no estadounidense New York Post.

A información ocupou, tamén, un lugar de relevo nas máis importantes revistas do continente europeo. Sen ir máis lonxe, a francesa Paris Match, unha das publicación de culto en Europa, titulou en portada “Letizia e Felipe de España: Perfume de escándalo”.

A excepción dentro do Estado procede de certa prensa catalá e vasca que se fixo eco do caso. Así, entre esta atópanse cabeceiras como as barceloneses El Periódico, El Nacional, Ara, ou os vascos Deia e Gara.

A omertá continúa

A prensa madrileña de dereita a esquerda non tocou o tema. Precisamente, algunha desta última, como Diario Red, ligado a Pablo Iglesias, explicou que as informacións de Jaime del Burgo facían parte dun plan da extrema dereita para chantaxear a Felipe VI por non negarse a asinar os decretos de nomeamento dos ministros de Pedro Sánchez.

A hipótese dunha manobra da dereita para desestabilizar a monarquía foi, tamén, formulada por xornalistas especializadas na Casa Real como Pilar Eyre. Esta foi máis alá, asegurando que detrás da operación estaba o rei emérito, Juan Carlos de Borbón.  

Sexan ou non certas estas explicacións, o tratamento informativo da relación entre a raíña Letizia Ortiz e o empresario navarro Jaime del Burgo é unha mostra da omertá mediática sobre a Casa Real, até o punto de que todo aquilo que non lle interesa a monarquía non é publicado.

Un veterano xornalista consultado por Nós Diario explica que “non hai moita diferenza cos tempos de Juan Carlos e Sofía”. A este respecto, asegura que “a diferenza daquela, as redes sociais permiten coar cousas que antes non eran posíbeis e internet permite acceder a informacións publicadas fóra do Estado”.

Os amigos millonarios

O silencio informativo sobre a monarquía explica que continúen sen transcender os datos sobre as súas finanzas e as conexións co poder económico e o capital. Neste punto, resulta curioso que non se explicasen os lazos que unían a Felipe VI e o xenro de Luis Miguel Villar Mir, Javier López Madrid, comprometido na trama de financiamento irregular do PP e para o que solicitan 13 anos de cárcere por ordenar acoitelar a doutora Elisa Pinto.

O mundo do capital económico rolda agora a Felipe VI como antes a Juan Carlos I. Nesta dirección, o monarca segue a xogar un papel activo entre o mundo dos negocios, supostamente, coa intención de axudar á internacionalización das empresas do Estado, un argumento xa empregado polo seu proxenitor.

Jaime del Burgo ou Javier López Madrid son un bo exemplo do mundo de amizades dos reis españois. Todos partillan a condición de ricos e de formar nas filas da dereita máis extrema. Precisamente, esta última é o sector ideolóxico que máis apoia a Felipe VI e o único que nas enquisas aproba a monarquía.  

Comentarios