Análise

Publicidade institucional e clientelismo

Carlos Aymerich Cano é profesor titular de Dereito Administrativo e secretario xeral da UDC.
Non é a primeira vez que a Xunta exclúe 'Nós Diario' da repartición de fondos públicos aos medios de comunicación da Galiza. (Foto: Arxina)
photo_camera Non é a primeira vez que a Xunta exclúe 'Nós Diario' da repartición de fondos públicos aos medios de comunicación da Galiza. (Foto: Arxina)

En resposta a unha interpelación parlamentar, Alfonso Rueda comprometeuse en febreiro de 2010 a que o seu goberno acometería con urxencia a reforma da Lei da CRTVG e presentaría un proxecto de lei regulador da publicidade e da comunicación institucional.

Porén, máis de 13 anos despois, sempre con gobernos do PP e sempre con Rueda dentro deles, Galiza continúa sen contar cunha lei de publicidade institucional e, talvez por iso, continúa a rapañota de cartos públicos –sob a forma de publicidade, convenios ad hoc, axudas, publirreportaxes ou patrocinios– distribuídos clientelarmente aos medios afíns ao PP e negados aos disidentes. Nin as reiteradas advertencias do Consello de Contas acerca da ilegalidade manifesta destas prácticas nin as protestas de medios e profesionais semellan conmover un presidente e uns conselleiros e conselleiras convencidos da súa impunidade.

É así que só no último ano, a Xunta do PP adxudicou máis de 16 millóns de euros entre publicidade institucional e convenios específicos con determinados medios de comunicación. Unha boa parte a dedo. A outra parte coa condición de que as axencias de publicidade coas que o goberno do PP contrata as súas campañas deben excluír determinados medios e, moi singularmente, o xornal Nós. É ben sabido quen son os que levan, na Galiza e fóra dela, a maior parte do bolo: La Voz de Galicia, a COPE ou o ABC. Talvez sexa menos sabido que tamén notorios negacionistas e difusores de noticias falsas, como Javier Negre, levaron o seu quiñón: case 50.000 euros, divididos en tres contratos menores, para difundir o Camiño de Santiago!

É un feito que a Xunta do PP discrimina o xornal Nós, excluíndoo case por completo da contratación de publicidade institucional

Canto ás escasas axudas concedidas por medio de convocatorias públicas, a Xunta exclúe ao único xornal diario en lingua galega co argumento de que non sae á rúa todos os días, a pesar de que para as entidades que controlan a difusión dos medios -caso, por exemplo, da OJD- son diarios aquelas publicacións periódicas que saen á rúa catro ou máis días por semana. Tanto ten. Se non fose esa xa haberían de argallar outra escusa diferente.

O último exemplo é o contrato de patrocinio adxudicado pola Axencia de Turismo da Galiza á produtora do festival Son do Camiño que na cláusula relativa á difusión do evento volve excluír, expresamente, o xornal Nós. Quer como medio escrito, quer como medio dixital. Nesta última categoría, a Xunta impón á empresa contratar cos medios seguintes: “El País/Universo Ocio; La Voz de Galicia; Praza.gal; Pontevedra Viva; Galicia Confidencial; El Español: Quincemil e Treintayseis; A Movida; Metropolitano e Mondosonoro”. Sen razóns. Sen comentarios.

E só un detalle: nos seus máis de tres anos de vida, o xornal Nós non recibiu publicidade ningunha procedente da Axencia de Turismo da Galiza. As cousas, porén, deberían mudar. En 2014, e diante da exclusión de que viña sendo obxecto por diversas institucións gobernadas polo PP, o Tribunal Constitucional español declarou nula a exclusión de Radio Castelló das campañas publicitarias promovidas polas administracións valencianas e estabeleceu o criterio de que o eventual tratamento desigual que nestas campañas se dea a uns medios en comparación con outros debe responder a unha motivación razoábel e obxectiva. Na súa ausencia, o que existe é unha discriminación arbitraria practicada en violación dos dereitos fundamentais á igualdade e á liberdade informativa que provoca que a actuación administrativa debe ser anulada e o medio afectado compensado.

Con efecto, para o TC español “os dereitos fundamentais concernidos impoñen un reparto equitativo da publicidade institucional, con criterios de transparencia e igualdade, evitando condutas discriminatorias e asegurando deste xeito unha eficaz garantía da liberdade e a independencia dos medios”. Acrecenta aínda que eses parámetros están directamente relacionados co pluralismo político e as necesidades de financiamento dos medios, xa que “un tratamento público pexorativo na contratación, inxustificado, voluntarista ou selectivo ou discriminatorio por razón ideolóxica, de tendencia ou opinión -cabería engadir tamén, por razón da lingua empregada- podería condicionar a súa independencia ou até a súa propia supervivencia”.

É un feito que a Xunta do PP discrimina o xornal Nós Diario, excluíndoo case que completamente da contratación de publicidade institucional. É claro que esa exclusión é deliberada e consciente. É tempo, pois, de facer que o goberno galego cumpra a legalidade constitucional, tal e como ela é interpretada polo TC. E haberá que facelo rápido, non vaia ser que a xustiza española mude o seu criterio.

Comentarios